Campamentos de verán en Vigo
As vacacións escolares están á volta da esquina, e xa sabemos que nesa época de troula para os pequerrechos é cando os adultos temos que facer encaixe de bolillos para conciliar a vida laboral coa persoal. Neste período, os campamentos de verán convértense en aliados, para ocupar o tempo da cativada á hora do traballo. A oferta é cada vez máis grande, podendo escoller entre os que se enfocan en levar a cabo actividades deportivas e os que optan por desenvolver capacidades artísticas. Coma sempre, a mellor elección vai ser a que mellor se adapte á nosa familia. Alén das temáticas dos campamentos, cuestións máis prácticas como son o horario, o lugar ou as facilidades que nos ofrezan serán de vital importancia á hora de elixir como queremos que a nosa prole campe a vindeira temporada estival.
Preme no título de cada empresa para ampliar a información.
Os participantes deste campamento poden desenvolver a creatividade ao tempo que toman conciencia da necesidade de reutilizar e prolongar o ciclo de vida dos obxectos a través de diferentes obradoiros: lectura creativa, pintura, reciclaxe, tie-dye e upcycling.
Datas: xullo e agosto
Idade: de 8 a 14 anos
Prezo:100,00 € semanais (10 % de desconto por mes completo ou por irmán)
A cativada que participe neste campamento trata un tema diferente cada día: fauna, flora, medio ambiente, xincanas, xogos cooperativos… Os grupos organízanse en función da idade, pero todos se adentran na natureza deste espectacular xardín botánico.
Datas: 24 de xuño a 6 de setembro (excepto a semana do 12 de agosto)
Idade: a partir dos 4 anos
Prezo: 89,00 € semanais (80,00 € para os amigos da fundación)
A rapazada adquire coñecementos básicos da navegación a vela ao tempo que se divirte en equipo a bordo das diferentes embarcacións das que dispón este lugar privilexiado da vila de Bouzas, ideal para se iniciar no mundo náutico.
Datas: 24 de xuño a 6 de setembro
Idade: de 7 a 14 anos
Prezo: 100,00 € semanais (75,00 € para os socios)
Centro de ocio infantil para nenos e nenas situado en Navia, ideal para mellorar a concialización familiar. O campamento ofrece actividades como laboratorio de arte, cociña, xogos simbólicos, lectura e excursións polo barrio.
Datas: 24 de xuño a 6 de setembro
Idade: de 3 a 12 anos
Prezo: 70,00 € semanais (desconto para irmáns)
Summer Camp Daniela Francos Gondell ofrece seis días trepidantes no parque Pena Aventura (Ribeira de Pena, Portugal), onde a rapazada pode practicar actividades como escalada, pádel, paintball, piragüismo e moitas máis. O campamento conclúe cun día en familia no parque acuático Naturwaterpark.
Datas: 8 a 13 de xullo
Idade: 9 a 17 anos
Prezo: 415,00 € (inclúe aloxamento, pensión completa e transporte)
Esta empresa especializada na aprendizaxe de idiomas propón dous campamentos en inglés: Cativos Club (nas instalacións do Colexio Apóstol Santiago, o centro dos xesuítas de Teis) e mais Summer House (na sociedade deportiva Ureca, no concello de Nigrán). As dúas propostas ofrecen xogos e actividades ao aire libre para que o entretemento faga bo xugo coa aprendizaxe da lingua anglosaxoa.
Datas: 24 de xuño a 29 de xullo (Cativos Club), 1 a 30 de xullo (Summer House)
Horario: 9:00 a 14:00 h
Idade: 3 a 13 anos
Prezo: desde 99,00 € semanais (Cativos Club), desde 230,00 € quincenais (Summer House)
Esta escola de teatro en Vigo ofrece un curso orientado á rapazada con interese en descubrir habelencias dramáticas e interpretativas. O xogo teatral a través da técnica da improvisación é unha excelente fórmula para un desenvolvemento cognitivo e social moi saudable.
Datas: 1 a 5 e 8 a 12 de xullo
Horario: 10:30 a 13:00 h
Idade: 6 a 14 anos
Prezo: desde 135,00 € semanais
Este centro de estimulación infantil e prenatal ofrece un plan actividades acuáticas, inglés, música, psicomotricidade etc., así como talleres temáticos de arte, ciencia e traballos manuais. Estas propostas lúdicas teñen en conta as necesidades e os ritmos dos miudiños.
Datas: 1 a 31 de xullo.
Horario: 9:00 a 14:00 h
Idade: 3 a 10 anos
Prezo: desde 110,00 € semanais