REVISTA ABRIL

O Ciclo Xacobeo trae seis concertos internacionais este verán ao Mar de Vigo

Fat Freddy’s Drop, Steve Vai, Yann Tiersen, Texas, Cimafunk e Mayumaná conforman o cartel do Xacobeo Vigo, que se celebrará no Auditorio Mar de Vigo entre xullo e setembro. As entradas xa están dispoñibles a través da web de teuticket.

Esta mañá presentouse no Auditorio Mar de Vigo o Ciclo Xacobeo Vigo que traerá durante o verán a artistas de renome internacional a nosa cidade. Na presentación participou a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández Tapias que explicou “que a intención deste ciclo é ofrecer unha mostra da diversidade musical do mundo, da riqueza de estilos, e artistas de enorme proxección internacional e bandas de referencia”. Os artistas que conforman o cartel son Fat Freddy’s Drop, Steve Vai, Yann Tiersen, Texas, Cimafunk e Mayumaná. Si la metereología lo permite, tres destes concertos (Fat Freddy’s, Texas e Cimafunk) serán na terraza do auditorio polo que a actuación irá acompañada da posta do sol sobre as Cíes.

As entradas para cada un destes concertos están dispoñibles a través de teuticket, a venda avanza a bo ritmo e artistas como Texas o Steve Vai xa completaron o 90 e o 70% do aforo respectivamente.

FAT FREDDY’S DROP – MÉRCORES 6 DE XULLO

Os neozelandeses son a banda máis popular do seu país, utilizando unha fórmula que se move entre o reggae, o jazz, o rhythm and blues e os ritmos electrónicos. Vigo acollerá a única actuación desta banda en Galicia e unha das poucas en España, por onde pasarán por festivais de prestixio como o Río Babel en Madrid ou o Cruïlla en Barcelona. 

STEVE VAI – DOMINGO 17 DE XULLO

O americano é unha lenda viva do rock con trinta anos de traxectoria, quince millóns de discos vendidos e galardoado con tres premios Grammy. Durante anos foi a man dereita de Frank Zappa e colaborador de lendas como Jeff Beck, Ozzy Ousborne, Ray Cooder ou Alice Cooper.

YANN TIERSEN – VENRES 22 DE XULLO

O multiinstrumentista bretón, coñecido tamén por ser o autor de bandas sonoras emblemáticas como as dos filmes ‘Amelie’ ou ‘Goodbye Lenin’. A súa música sofisticada móvese nun amplo abanico, que vai desde a vanguardia aos ritmos recoñecibles da chanson francesa. Tiersen fará parada en Vigo nunha xira na que pasará por ciclos de referencia en España como as Noches del Botánico en Madrid ou Jardíns de Pedralbes en Barcelona co seu novo espectáculo ‘Electronic Set (Live A/V)’.

TEXAS – MARTES 9 DE AGOSTO

A mítica banda de pop- rock escocesa ten máis de 40 millóns de álbums vendidos en todo o mundo. A banda liderada pola carismática Sharleen Spiteri é autora de himnos que traspasan xeneracións como ‘I don’t want a lover’ ou ‘Summer Son’, que de seguro soará na espectacular terraza do Mar de Vigo.

CIMAFUNK – VENRES 26 DE AGOSTO

A revelación internacional da música cubana, saltou ao escaparate internacional despois de pasar en 2019 polo festival americano de referencia South by Southwest, a súa mestura de funk e soul filtrados polos ritmos da música cubana, fixeron que unha lenda como Fito Páez os calificase como “a banda do futuro”. Farán parada en Vigo dentro dunha xira europea onde pasarán por festivais tan emblemáticos como Glastonbury no Reino Unido, Roskilde en Alemaña ou Cruilla en Barcelona.

REVISTA ABRIL

MAYUMANÁ – DOMINGO 18 DE SETEMBRO

Pechan o ciclo os israelíes Mayumaná, un dos grandes espectáculos de percusión do mundo, que presentarán en Vigo a súa nova xira ‘Currents’, coa súa habitual mestura de ritmo e performance de coreografías corporais.

Todas as datas dos espectáculos e prezos pode consultarse na web do Auditorio Mar de Vigo e na billetera www.teuticket.com.   

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.