VIALIA
bannerPicnicSesions

Tres festivais en Vigo para non botar de menos o verán

Poderiamos pensar que agora que o verán está chegando ao seu fin tamén o farían os festivais, pero a realidade é ben diferente. Esta primeira fin de semana de setembro teremos 3 festivais moi diferentes na nosa cidade: 85C, Revoltallo e No Tengo Mamá. Imos coñecelos un pouco máis.

Comezamos polo máis antigo, que este ano cumpre 25 edicións e se celebrará no Pedregal, ao carón do Centro Cultural de Valadares, do 7 ao 9 de setembro. Falamos, claro está, do Revoltallo, que nesta XXV Edición aposta por un cartel formado integramente por bandas galegas que cantan en galego. Unha aposta arriscada para un dos festivais máis lonxevos de Galicia, que se mantén de balde outro ano máis. Entre esas bandas destacan os composteláns Terbutalina, os pontareáns Skandalo GZ e os vigueses Fanfarria Taquikardia. Música con denominación de orixe para todos os gustos, que ademais irá acompañada de obradoiros e actividades infantís.

REVISTA ABRIL

O venres 7 e o sábado 8, na céntrica Rúa Londres (Detrás do Marco), terá lugar a IV Edición do festival No Tengo Mamá, un evento adicado aos fanzines e á autoedición en xeral. Ademais, este ano terá como principal protagonista o cómic, sobre o que se farán varias actividades como a presentación dos Cuadernos de Cómic ou o obradoiro infantil por parte de Begoña García-Alén. Ademais disto, haberá un mercadiño no que atoparemos diferentes obras artísticas autoproducidas de forma independente como fotografía, poesía, roupa ou incluso cervexa. Na parte musical, teremos actuacións de varias bandas como poden ser María Reis, Jay, Cuello ou Galope Mestizo. Todas as actividades serán de balde salvo a festa de despedida o sábado na sala Mondo.

Por último, pero non por iso menos importante, celébrase de venres a domingo, a III Edición do Festival 85C, o cal encherá numerosos locais da cidade de arte protagonizado por mulleres. Este multidisciplinar evento contará con concertos, artes escénicas, poesía oral, proxeccións, Dj’s, fanzines, obradoiros, actividades familiares, mesas redondas… repartidos por localizacións como os Multicines Norte, Galeriajazz, Marco, Rúa do Príncipe, Mondo, Praza da Constitución ou a sala Master Club. Unha das propostas máis chamativas é a de Churruca En Loita, na que 17 locais desta zona de festa terán como Dj’s a mulleres. Un festival guerreiro e con conciencia que busca divertir e cambiar mentalidades pechadas.

Esta fin de semana promete ser unha das máis movidas en moito tempo, cunha ampla oferta cultural para todos os gustos e cores. Fanzines, obradoiros, artes escénicas, actividades familiares e moita música repartida ao longo de 3 días, nos que incluso poderías acudir aos tres eventos se te organizas ben!

(GMT+01:00) CVC Valladares


(GMT+01:00) Detrás do MARCO


(GMT+01:00)

(GMT+01:00)


(GMT+01:00)