REVISTA ABRIL

Axenda festivaleira para 2023 de Galicia e norte de Portugal

Parece que falta moito para que chegue o verán e, con el, todos os festivais de música, pero en realidade están á volta da esquina. Moitos deles xa están adiantando as datas de celebración e os artistas protagonistas, polo que un abono a calquera deles non sería un mal agasallo de Nadal para os máis melómanos. Recompilamos algúns dos máis destacados de Galicia e o norte de Portugal. Premendo no nome de cada un poderás acceder á venda de entradas.

León Benavente durante a súa actuación no Barbeira Season Fest de 2022 | P. Vázquez

28-30/04 – FIV DE VILALBA (Vilalba)

Os lucenses adiántanse ao verán nesta nova edición que contará coas actuacións de Sidonie, La Casa Azul, Delaporte, Carlangas, Hickeys e máis que están por vir.

26-27/05 – OURENSOUND FEST (Benposta, Ourense)

Os segundos máis madrugadores da tempada celebran a finais de maio este evento musical no berce da Cidade dos Muchachos, coas actuacións de Andrés Calamaro, Baiuca, Depedro, Carlangas, Juancho Marqués, Ciudad Jara ou Cariño.

07-11/06- BARBEIRA SEASON FEST (Baiona)

Un dos últimos festivais deste verán pasa agora a ser un dos primeiros. O Barbeira celebra o seu quinto aniversario a comezos de xuño, e xa coñecemos parte do cartel: Iván Ferreiro, Xoel López, Triángulo de Amor Bizarro, Capicúa… Tamén manterán as actividades paralelas realizadas en anteriores edicións.

15-17/06 – O SON DO CAMIÑO (Monte do Gozo, Santiago)

O cartel aínda é secreto, pero xa hai datas e abonos á venda: do 15 ao 17 de xuño, repetindo como un dos eventos musicais máis madrugadores da tempada.

28/06-01/07 – RESURRECTION FEST (Viveiro)

Un dos festivais de metal máis importantes do mundo volve cun cartel á altura das expectativas: Ghost, Slipknot, Alter Bridge, Papa Roach, Architects, Meshuggah, Black Flag… e a volta dos lendarios Pantera, aínda que sen a presenza dos irmáns Darrel e Vinnie Paul Abbott. Catro días de distorsión, pogos e headbanging.

30/06 – 02/07 -THE WILD FEST (Vigo)

Aínda non coñecemos o cartel, pero The Wild Fest volverá ao Paqrque Forestal de San Miguel de Oia coa súa única combinación de música, espectáculos e desfrute da natureza para toda a familia. O certame ten aberto neste momento o concurso de bandas emerxentes Salvaxesons.

08/07 – ROBBIE WILLIAMS + ARTISTAS (Monte do Gozo, Santiago)

Non é un festival en si, pero case. O británico Robbie Williams actuará por primeira vez en Galicia o 8 de xullo en Santiago. Acompañando ao exmembro de Take That estarán o DJ Martin Garrix, Hombres G e Iván Ferreiro, formando un cartel do máis ecléctico.

13-15/07 – PORTAMÉRICA (Portas, Caldas de Reis)

O festival promovido polos vigueses Esmerarte repite localización na Azucreira de Portas e vén de anunciar parte do cartel deste ano: Molotov, Bad Gyal, Jorge Drexler, La MODA, Carlangas, Gustavo Santaolalla, Sexy Zebras A parte gastronómica do evento tamén continuará mantendo o seu alto nivel, diferenciándoo doutros festivais.

21-23/07 – ATLANTIC FEST (Vilagarcía de Arousa)

Polo momento Leiva é a única confirmación do festival arousán, que volve a celebrarse na céntrica praia da Concha, a escasos metros do mar.

07-10/09 – REVENIDAS (Vilaxóan)

O Revenidas aínda non adiantou nomes, pero si puxo á venda os abonos a prezo reducido para os seus seguidores máis fieis.

15-16/09 – CAUDAL FEST (Lugo)

O festival lucense anunciou algúns dos grupos para a súa quinta edición: Leiva, Vetusta Morla, Sidonie, Ojete Calor, La La Love You, Ani Fernández, Miss Cafeína, Yeico x Toni e Berto. Variedade e bo ambiente para pechar o verán.


07-10/06 – PRIMAVERA SOUND (Porto, Portugal)

Xa en Portugal, un dos festivais máis grandes do país veciño é o Primavera Sound de Porto, que tamén ten edicións en Barcelona e este ano en Madrid. Os cabezas de cartel son algúns dos artistas máis notorios e demandados da música actual e das últimas décadas: Blur, Kendrick Lamar, Rosalía, Pet Shop Boys, Bad Religion, Halsey, The Mars Volta, Bleachers…

10-12/08 – SONICBLAST FEST (Vila Praia de Âncora, Portugal)

REVISTA ABRIL

O SonicBlast é un festival luso de stoner e metal con dez anos de historia. No cartel atopamos nomes como Off!, Acid King, Kadavar ou Eyehategod.

16-19/08 – FESTIVAL PAREDES DE COURA (Paredes de Coura, Portugal)

O Paredes de Coura, un evento que destaca pola súa coidada programación de bandas alternativas, anunciou uns poucos grupos para ir abrindo o apetito: Wilco, Fever Ray, Lee Fields, Loyle Carner, The Walkmen, Jessie Ware, Kokoroko