REVISTA ABRIL

Iván Ferreiro: «Golpes Bajos era o grupo perfecto para un neno coma min, insatisfeito e de mal humor»

Iván Ferreiro está a vivir un dos momentos máis doces da súa carreira. Tras o éxito do álbum Casa acaba de lanzar Cena recalentada, unha homenaxe a Golpes Bajos, a banda que o marcaría de ben pequeno e que, sen dúbida, ten contribuído ao artista que é hoxe. Aínda que conserva na mirada o chispear daquel rapaz que con rebeldía cantaruxaba as letras de Germán Coppini, xa non queda rastro daquela insatisfacción.

Cal foi o teu primeiro contacto con Golpes Bajos?

Botaba o verán xunto os meus curmáns máis vellos e daquela a música roubáballela a eles. Debía de ser o segundo ano de Golpes Bajos cando eles estaban oíndo o disco e xa me enganchei. Ese mesmo ano fun a Castrelos para velos tocar.

Como foi ese concerto?

Debía de ter 13 anos, levoume a miña veciña Sonia, que tiña moi boa onda. Tocaron con Siniestro Total e alucinei. No escenario, no canto de estar a batería no medio estaban os teclados, a disposición dese concerto foi rompedora.

Imaxinabas que podías estar anos despois nese mesmo escenario?

Nin de broma.

Que fixo que te engancharas a Golpes Bajos?

Eu creo que tiña que ver con que eran moito máis sofisticados que os outros grupos. Nos 80 non tocaba moi ben case ningún grupo. Golpes era emocionante e poético e, asemade, moi salvaxe. E estaba Coppini que tocaba incriblemente ben, pero que era unha especie de punk e tiña algo de monxe… Creo que describían mellor que ninguén o que estaba a pasar aquí naquela época, ata o son era de Vigo.

«O Vigo de agora é mellor, pero talvez un pouco máis aburrido»

Pablo Novoa e mais ti dixestes hai pouco que os grupos dos 80 eran todos moi divertidos pero que Golpes Bajos era máis gris, e iso representaba ben a cidade naquela época. Consideras que Vigo segue a ser así?

Creo que a cidade cambiou moito, grazas a Deus. Moita xente bota de menos todo ese movemento pero creo que Vigo mellorou. Tamén é certo que a crise nos tocou ben, e aínda se nota. Igual Vigo agora é mellor, pero un pouco máis aburrido. Talvez perdemos chispa.

«As protestas polo de PortAmérica son anecdóticas, dáme igual»

En 2014, logo da morte de Coppini, quixeches facerlle unha homenaxe no PortAmérica que recibiu moitas críticas por parte do público e aínda así te atreviches a sacar o disco.

As protestas de PortAmérica son anecdóticas e danme bastante igual. O certo é que traballamos moito para montar ese concerto e hai un ano topei con todo aquel traballo e pensei que o tiñamos que gravar.

Pero, afeito a ser aplaudido en directo, como levaches aquela polémica?

A min tanto me ten. Pode soar chungo, pero eu saio para facer o meu espectáculo. No principio, con Los Piratas tamén nos berraban moito e nos tiraban cousas e a min dábame igual. Non só non me importa, senón que me gusta. É outro tipo de concerto pero, dálle empaque.

O feito de que esteas a vivir un momento doce na túa carreira co éxito de Casa fai que poidas permitirte sacar este disco?

Totalmente. Penso que hai que aproveitar cando as cousas van ben para facer proxectos que normalmente non poderías facer. Creo que para iso están os discos que van ben, para poder arriscar con outras cousas.

Na portada do álbum vémoste a ti de neno.

Pareceume que explicaba ben de onde veño, vestido de mariñeiro facendo a primeira comuñón enfadado. Golpes Bajos era o grupo perfecto para un neno que estaba de mal humor e insatisfeito. Ese era eu e supoño que esa é a homenaxe que lle fago a meu eu do pasado, dicíndolle «tranquilo, rapaz, vai saír todo ben».

Tanto a Coppini como a ti vos define a melancolía, certo pesimismo… quizais iso é o que chamou a túa atención por el?

Eu creo que o herdo del. Creo que os escoitei tanto que me quedou esa sensación para sempre no corpo. De Coppini herdei ese punto tráxico da canción, que sexa fermosa pero tráxica. Ou o fermoso do tráxico. Facendo o disco decateime de que me afectaran moito.

Como foi a túa relación con Germán Coppini?

Non o cheguei a coñecer, só lle dei a man un día. Coñezo a todos os demais desde hai moito tempo, pero con Germán non tiven esa sorte.

Non se deu a ocasión?

Non, e o día que se deu non era un día moi guai, porque viñan de tocar, estaba non sei quen por aquí e a cousa quedou nun «ola, que tal?». Quedei coas ganas.

Como están a recibir o disco os seguidores de Golpes Bajos?

Hai dúas faccións separadas radicalmente; os que lles gusta moito, e os que non lles gusta nada. Eu estou máis interesado nos que non coñecían o grupo. Para os admiradores de Golpes nunca vai ser tan bo coma eles, pero hai outra xente que non os coñecía a quen lle está a gustar o disco e iso para min é un pracer.

Por que escolliches para titular o disco a canción Cena Recalentada?

REVISTA ABRIL

Porque con 15 anos sentía que aquel tema falaba de min; chegas tarde á casa, túa nai dáche a vara, teu pai berrégache, ceas mal… Cena Recalentada é unha canción preciosa cunha letra moi simple coa que eu de rapaz me sentía moi identificado.

Por Tamara Novoa
Fotos de Pablo Vázquez

[Podes ler a entrevista íntegra na revista A movida de Novembro 2018. Se non a tes na túa casa podes vela online nesta ligazón.]

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.