REVISTA ABRIL

Gabi Montes (Sexy Zebras): “O primeiro manager díxonos que eramos a peor banda que vira na súa puta vida”

De ser “a peor banda do mundo”, en boca do seu manager, a tocar no Vive Latino, Mad Cool, Las Ventas, Sonorama Ribera, O Son do Camiño, SanSan Festival, Viña Rock e encher centos de salas por toda España e parte do estranxeiro. Ese podería ser o #10YearsChallenge dos Sexy Zebras, a irreverente banda madrileña formada por Gabriel Montes, José Luna e Miguel Río. Este venres visitan a Fábrica de Chocolate para despedirse do seu último traballo, La Polla, un disco que destaca pola súa enerxía e polo explícito das súas letras. O seu cantante e baixista, Gabriel Montes, atendeunos moi amablemente para falar do ábum, da xira e da traxectoria da banda. 

Gabi Montes, no centro da imaxe | Cedida

Fai xa case dous anos do lanzamento de La Polla, disco que estades a despedir con esta xira. Que balance facedes deste último ano e pico?

Que che vou dicir… Fixemos como 100 concertos, polo que non tivemos moito tempo para reflexionar por agora. A nosa filosofía foi a de non parar de comer. Gozámolo moito, tocamos en sitios incribles que antes de sacar este álbum nin os soñaramos: no Vive Latino, en Budapest, en Las Ventas… cousas moi lonxe do noso alcance que se fixeron reais. Estamos moi agradecidos a este disco, porque o fixemos moi rápido, sen pretensións. Mais ven cuspímolo, e quedounos un ‘gapo’ precioso.

Esta xira de despedida significa que máis pronto que tarde haberá algo novo dos Sexy Zebras?

Seguro que si, pero tamén temos ganas de que o próximo disco sexa un pouco máis pensado e estamos a compoñer máis tranquilos. Levamos 5 anos sacando disco e xirando, sacando disco e xirando… Agora nos apetece ter un pouco máis de perspectiva  e a ver se nos sae un disco a outro ritmo. É un reto para nós.

Co paso dos anos e dos discos, fostes perfeccionando un estilo que se basea na enerxía e a potencia, con letras cada vez máis explícitas. É a liña para seguir en futuros traballos?

Non teño nin puta idea. Oxalá o soubese. Teño a imprensión de que cada vez somos máis abertos nos nosos gustos musicais. Non teño moi claro o que sairá no próximo disco, pero estou seguro de que nos sorprenderemos a nós mesmos como pasou nos tres anteriores, atrevéndonos a facer cousas que non fixemos no disco pasado. É o que máis me gusta de Sexy Zebras: ten unha identidade clara de rock n roll pero está aberto a novos xéneros. De feito, agora que nos estamos a xuntar para compoñer, estannos a saír cousas moi diversas e diferentes. Unha máis latina, outra máis garage… Flípame non ir ao estudio cunha idea preconcibida, co ‘intríngulis’ de non saber o que vai pasar.

Mencionabas agora os vosos tres discos, pero realmente tedes un máis, Nada más lejos de la realidad, o voso debut. Un álbum que non se pode atopar nin na web nin en Spotify. Renegades del?

Si, renegamos del porque é un disco que non fixemos nós. Ou sexa, si que o fixemos, eu recordo de tocalo e cantalo. Pero non eramos nós, eran unha serie de persoas que non querían nin ao proxecto nin a nós, só pensaban no beneficio. As nosas maquetas eran súper punkarras e nese disco como que nos obrigaron a facer cousas que non sentiamos. Coa perspectiva do tempo escoitámolo e dámonos conta de que non nos representa en absoluto e non nos apetece telo colgado na web. Dá unha idea equivocada do que somos. Se escoitas as nosas maquetas entendes mellor como estabamos no 2007 ou 2010, xa non me lembro, pero non ten nada que ver con ese disco. Preferimos quitalo co orgullo de saber que non nos representa.

Eu lembro mercalo nun rastro fai un ano.

Pois dígoche unha cousa. Non nos representa o concepto, pero hai cancións nese disco que me gustan moito. Pero a produción, o deseño… témoslle bastante noxo a todas esas cousas dese disco e por iso o mandamos a tomar polo cu.

Iso vén a demostrar que non por volverte comercial vas ter máis éxito.

Xusto. De feito, cando lles contamos á nosa discográfica e axencia de booking que queriamos sacar un disco chamado La Polla dixéronnos “pero é que sodes gilipollas? É a cousa menos comercial que fixéchedes nunca, non se pode promocionar…” E equivocáronse. Nós non o fixemos por iso, obviamente, pero ata agora foi o noso disco máis comercial.

Sodes coñecidos pola intensidade e a cana dos vosos directos, a pesar de ser só tres músicos no escenario. Nunca pensastes en engadir  un cuarto membro para os concertos?

Pois a verdade é que non. Máis que nada porque nunca o precisamos. Se no seguinte disco poñémonos a tocar a ocarina e o saxofón pois ao mellor si que necesitamos máis xente, pero polo momento non. É unha cousa que nos obriga a superarnos a nós mesmos, a facernos responsables de tocar, cantar e dar show. Cando os músicos se acomodan deixan de retarse. Ser tres vénnos que te cagas para os concertos e tamén para entrar no estudio, porque xa sabemos o que ten que facer cada un. Gústanos moito e probablemente non cambie.

Tamén vos caracterizades por facer vós mesmos os videoclips, os logos e o merchandising.

Está guapo iso, porque é outra das cousas que aprendemos. Os nosos discos teñen un sentido conxunto. Cando ves unha portada que non te representa pensas que ti o poderías facer mellor. Non dubidamos en facer as nosas camisetas, videoclips, carteis… É verdade que cada vez temos menos tempo e buscamos xente de confianza que faga as cousas por nós. No mundo no que vivimos a xente recibe aos músicos de mil formas distintas: desde unha foto en Instagram a un cartel ou un videoclip. E todo ten que ter unha coherencia, un sentido.

De feito o voso último videoclip funciona como resumo da vosa traxectoria, con imaxes de fai uns cantos anos. Botando a vista atrás, esperabades chegar ata aquí?

A verdade é que non, en absoluto. O primeiro manager que tivemos con 17 anos díxonos “sodes a peor banda que vin na miña puta vida”. Comezamos todo isto por divertinos, e a cuestión segue a ser esa. Pero se a mi me din fai dez anos, agora que estamos co reto de #10YearsChallenge, que vou conseguir todo o que conseguín, asinaría seguro.

Noutro videoclip saen as vosas nais cantando convosco. Que lles parece a elas a música que facedes?

Bueno, tío… (risos). A verdade é que como todas teñen un amor incondicional polos seus fillos. E si, intento pasar de puntillas por certas cousas, pero elas nos brindaron a oportunidade de tocar e facer sempre o que nos saia da polla. Cando viñeron gravar as tratamos como estrelas de Hollywood. É un recordo que nos quedará para sempre, porque son parte do que somos. É un regalo moi bonito que lles fixemos e que elas nos fixeron a nós.

No voso anterior traballo vimos a vosa vea máis política con cancións como La Máquina ou Hijo de Puta. Neste último disco esta temática está moito menos presente. A canción protesta non vai convosco?

Séguennos a tocar o carallo as mesmas persoas, porque aínda que cambien os signos e as cores todos seguen a ser uns fillos de puta que se ríen moito de nós. Moito máis do que deberían. Pero no último disco, non sei por que, estivemos máis pendentes do amor, do desamor e de nós mesmos. De situacións máis particulares ca xenerais. La Polla é moi visceral, non fala en terceira persoa. Si que é verdade que perdemos esa carga política. Teño que confesar tamén que o que estamos a compoñer agora non é que sexa político pero vai máis alá da nosa propia polla.

Tedes unha relación moi estreita con México: pasastes moito tempo alí, o público acolleuvos moi ben, tedes varias cancións con músicos de alí e mesmo utilizades a súa xerga no voso último disco.

REVISTA ABRIL

Para nós é unha desas cousas que se nolas contan fai dez anos non as cremos. O ano pasado fomos por primeira vez ao Vive Latino, que é o soño das bandas amateur mexicanas. A primeira vez que fomos a México tocamos no metro ou nun mercandillo onde fumaban pegamento diante de nós. Cousas moi crúas e desde abaixo. Pero de repente chegou o amor e o respecto mutuo. É unha relación súper honesta. Vamos alí dúas veces ao ano. Imaxino que se vas vivir a Turquía dous anos volves falando medio turco e con cara de turco. Pois iso é o que nos pasou a nós, e nos sae de forma natural aportar a nosa música esa realidade que vivimos.

Incluso contabades nunha entrevista que unha vez tocáchedes no mesmo día en España e México. Como foi iso?

Iso foi a polla (risos). Non me lembro do ano, pero estabamos a pechar o Montgorock Xábia Festival ás dúas da mañá, rematamos ás tres, volvemos a Madrid, collemos un voo ás 8 da mañá e chegamos alí como á unha do medio día de alí polo cambio horario e ás 21:00 tiñamos que tocar no Festival Marvin en Cidade de México. É algo que podo contar con orgullo, que toquei nun mesmo día en dous continentes diferentes.

(GMT+01:00) La Fábrica de Chocolate

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.