REVISTA ABRIL

David Ruíz (La MODA): “Quen diga que a xente nova non se move está moi fóra de todo”

Hai unha década que sete rapaces de Burgos decidiron montar La MODA (siglas de Maravillosa Orquesta del Alcohol), unha banda de folk con actitude punk. Non o tiñan nada fácil para saír adiante: non practican un xénero maioritario, non eran dunha gran cidade, o número de integrantes complicaba a viabilidade económica dos concertos, utilizaban instrumentos poco usuais no mainstream e tiñan un cantante coa voz rota. Hai dous anos encheron con 15.000 persoas o WiZink Center de Madrid (antigo Palacio dos Deportes), un dos espazos pechados máis grandes do Estado para realizar concertos. Sen dúbida algo están a facer ben, e nós falamos co seu vocalista David Ruíz para que nolo conte de primeira man antes do seu concerto no SonRías Baixas o próximo 6 de agosto.

Os sete integrantes de La MODA, con David Ruíz á esquerda de todo | Laura Sisteró

Chamamos a David Ruíz no seu luns de descanso, tras unha intensa fin de semana actuando no sur da península. Aténdenos desde un bar de Burgos, cidade de orixe de La MODA onde continúan a vivir os seus membros, a pesar das dificultades que supón para unha banda non establecerse nunha grande urbe: “Desde as pequenas cidades custa moito máis porque a xente que escribe sobre música, as discográficas, os organizadores de concertos, os músicos… están nos grandes núcleos urbanos”, apunta Ruíz. A pesar do hándicap, prefire quedarse co lado positivo: “Dándolle a volta, vivir aí pode encorsetarte ou obrigarte a pasar por aros polos que non queres pasar para ‘triunfar'”, engade.

O camiño de La MODA desde os seus comezos sempre estivo nas marxes. A pesar do éxito colleitado nos últimos anos, non hai atisbo de arrogancia no seu vocalista, máis ben o contrario. Antes sequera de comezar coas preguntas, David contábanos cheo de orgullo que nesta xira que están a facer agora mantiveron todo o equipo técnico de antes da pandemia, un total de 7 persoas á maiores da banda. Un convoi de tres furgonetas que percorre España contaxiando bo ambiente e diversión por alí por onde pasan.

Nunha entrevista na Cadena SER, David comentara que de pequeno algunha vez pasara o verán nas Rías Baixas, e mesmo é posible que a primeira vez que vise o mar fose na nosa terra: “Temos moitas ganas de volver a Galicia porque levamos moito tempo ser pasar por alí. Desde a pandemia fixemos máis de 40 concertos en ningún aí, e o público galego sempre nos apoiou moito desde o primeiro momento, mesmo cando non eramos moi coñecidos no resto de España“, comenta agradecido.

REVISTA ABRIL

A pesar de ter a Johnny Cash plasmado na súa pel e mesmo dedicarlle unha canción (‘Hijos de Johnny Cash’), David admite que non é moi de ter ídolos: “A nós gústanos a música, a vida persoal dos artistas xa nos parece un pouco friki. Lin o outro día que idealizar é igual de negativo que odiar, e pareceume bastante acertada a reflexión”. Iso si, non quixo perder a oportunidade de recomendarnos algúns dos seus artistas galegos favoritos dos últimos anos: Verto, BALA, True Mountains, DL Blando e o vigués Dirty Suc.

Un servidor descubriu a La MODA a raíz da súa actuación no programa Leit Motiv de #0, polo que lle preguntamos se bota en falta máis plataformas deste tipo para que as bandas poidan darse a coñecer no resto do país: “O que boto en falta é máis respecto á música. No programa de Buenafente si que hai ese respecto, pero hai outros nos que vas alí, botas unhas risas, dis catro parvadas pero daste conta de que as cancións non están no centro, é máis un espectáculo”, critica David con bo tino. O artista recorda que cando era rapaz as cousas tampouco estaban moito mellor neste eido, polo que se mostra preocupado por este inmobilismo no xornalismo musical dos grandes medios de comunicación.

Se hai algo positivo que destacar na actualidade, ao seu xuízo, é a xuventude: “Os grupos que comezan agora teñen menos prexuízos e máis personalidade, cun gusto máis variado en parte grazas a Internet“. David teno claro: “Para min faise mellor música agora que antes, cada vez hai máis nivel e estamos nun momento incrible”. Unha reflexión que pode crear controversia, pois hai quen aínda vive do pasado e da nostalxia, exprimindo produtos caducados hai décadas. A pereza, os prexuízos e a ignorancia son moi perigosos á hora de falar sobre calquera tema, e tamén sobre música: “Só hai que abrir os ollos, a realidade está aí. Hai máis nivel visual, de son e de conceptos. As novas xeracións non esperan a que lles fagan un oco en televisión, montan eles un programa propio en Twitch, YouTube ou nun podcast. Xa non precisamos pedir permiso ou ter moitos cartos ou contactos, e todo iso a pesar do momento precario que está a vivir a xuventude actualmente. Quen diga que a xente nova non se move está moi fóra de todo“, explica o artista cunha madurez envexable.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.