VIALIA
bannerPicnicSesions

Salvaxesons: The Wild Fest convoca un concurso de bandas para descubrir o novo talento galego

O festival de cultura na natureza celebrarase entre o 30 de xuño e o 2 de xullo cunha novidade: haberá un concurso de bandas para descubrir o talento emerxente con premios ata 600 €.

O festival multidisciplinar The Wild volverá celebrarse no principio do verán e anuncia as datas da súa quinta edición, en 2023, que ocupará a fin de semana do 30 de xuño e o 1 e 2 de xullo. Como en edicións anteriores o festival celebrarase no Parque Forestal de San Miguel de Oia e programará concertos de bandas galegas e nacionais, proxeccións de cinema e  actividades infantís, ademais de zona gastro, mercadiño e propostas para coñecer a contorna.

A vindeira edición mantén a vontade das pasadas de englobar un gran número de actividades nunha soa cita e integralas no medio natural: concertos de folk e rock, The Wild Cinema, andaina, ximcana de orientación, obradoiros, mercadiño e espectáculos infantís. A novidade deste ano será a celebración dun concurso de novos talentos musicais bautizado como Salvaxesons.

REVISTA ABRIL

O concurso de bandas Salvaxesons busca descubrir e impulsar novos talentos da música galega. A competición terá cinco gañadores que poderán tocar o venres 30 de xuño no escenario principal de The Wild. Ademais, os tres primeiros clasificados recibirán un premio en metálico de ata 600€, o primeiro volverá tocar o sábado no festival e os cinco terán acceso gratuíto a The Wild Fest durante toda a fin de semana. 

Os gañadores escolleranse en tres fases. A primeira criba será realizada por un xurado a partir dos tres temas grabados que as bandas entreguen no momento de facer a inscrición. A segunda fase terá lugar durante o mes de marzo nunha sala de Vigo e realizarase en formato duelo por parellas. A final será o propio concerto en The Wild Fest, onde se decidirá ao gañador en directo. 

Poden participar bandas e solistas de calquera estilo, coas únicas condicións de ter un membro galego e non ter máis de un disco editado. As inscricións realízanse no email salvaxesons@thewildfest.com adxuntando información da banda e tres cancións. As bases poden consultarse na web do festival.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.