CAMELIAS MASCOTAS

A banda Presumido sepárase e lanza unha última canción

“Moitas grazas, ata sempre”. Con estas sucintas verbas a banda de pop electrónico Presumido despídese do seu público, deixando atrás máis dun lustro de actividade e dous discos. Nun breve comunicado, Tarci Ávila e Nacho Dafonte explican que os motivos son “100% creativos” e presentan o seu último tema, “Quiero respirar”.

REVISTA NOVEMBRO

Este 2021 non deixa de sorprender, e iso que só levamos un mes. A banda viguesa Presumido, creadores dunha das propostas máis interesantes dos últimos anos, pon punto e final ao proxecto. A Covid-19 non parece o motivo, xa que ambos alegan que os motivos son creativos: “Vivimos varios anos como queriamos e agora queremos vivir doutra forma, explorar outros territorios usando todo o aprendido para seguir crecendo como artistas e seres humanos”. Non é a primeira vez que nos collen por sorpresa, despois de que en 2018 empeñaran os seus instrumentos para conseguir a liberdade discográfica, e o seu posterior crowdfunding.

Iso si, deixan unha canción como banda sonora a este adeus. Leva por título “Quiero respirar” e conta coa colaboración da cantante mexina Pau Sotomayor. Este tema pon o lazo a unha carreira que naceu como un proxecto en solitario de Tarci Ávila polo 2013, ao que máis adiante sumaríase Nacho Dafonte. Atrás quedan o EP Ahora Mejor (2013) e os discos Vendetta (2017) e Cuatro Estaciones (2019), este último publicado ao longo dun ano en catro EPs (Otoño, Invierno, Primavera e Verano). As datas que tiñan pechadas para este verán permanecen vixentes, agás cancelación destes eventos.

Deixámosvos con varias ligazóns a entrevistas e artigos que lles fixemos, ademais da #SesiónAM que gravamos nun concerto seu no Museo do Mar:

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.