REVISTA MARZO

Óscar Avendaño (The Bo Derek’s): “Fomos ensaiar unha canción e saímos cun grupo”

Comezou como baixista nunha pequena banda local e na actualidade lidera varios proxectos musicais, ademais de tocar en Siniestro Total desde hai case dúas décadas. Falamos de Óscar Avendaño, un dos músicos vigueses máis salientables, que vén de sacar 10, o seu primeiro disco coa súa nova banda de pub rock The Bo Derek’s, formada xunto cos irmáns Jorge e Rufus Lorre. Invitounos á súa casa, onde charlamos de todo un pouco acompañados pola súa gata Pitusa. Podes escoitar e mercar este novo disco premendo na seguinte ligazón, ademais de velos en directo o xoves na Fábrica e o sábado na Kominsky.

Óscar Avendaño orgulloso diante da súa gran colección de vinilos | Pablo V.

O primeiro, por que a actriz Bo Derek para darlle nome a este proxecto?

Pois estabamos a buscar un nome e ningún nos acababa de convencer, que é o que pasa sempre. Un día Mauro [Comesaña], de The Soul Jacket, foi a quen se lle ocorreu, e molounos a todos. Ademais de que soa ben e a todo o mundo se lle queda o nome, tamén nos lembraba a Bo Diddley, polo que todo funcionaba á perfección.

Ademais de para pasalo ben, The Bo Derek’ s nace para darlle saída a moitas cancións de rock n roll que quizais non terían cabida nun disco teu en solitario?

Si, basicamente. Eu xa tiña varias cancións, unhas cinco. Case sempre que monto un grupo é porque teño cancións que no me caben en ningures. Neste caso foi porque pedíronme unha canción para un disco de Nadal e eu fixen unha estilo Chuck Berry. Coincidín con Jorge e Rufus [Lorre] nun concerto de Dead Wood e propúxenlles de gravala comigo. Aceptaron, e cando fomos ensaiar xurdiu a química. E preguntáronme “non tes máis cancións?”, e como tiña algunha, pois comezamos a montalas. Fomos ensaiar unha canción e saímos cun grupo.

Quen che siga en redes saberá que es moi vehemente e explícito á hora de falar de música. Como definirías da forma máis obxectiva posible o voso novo disco?

Obxectivamente eu penso que é un grupo sen demasiadas pretensións, para pasalo ben, para bailar e pouco máis. Unha banda para facer festa pero con enxunlla, que non sexa unha pachangada.

No disco destacan letras moi directas sobre anécdotas nocturnas (Fireball ou Jueves en Hanoi) e outras con referencias a personaxes populares, como en Dulceida debe morir. Vexo que as fontes de inspiración son variadas.

Eu para facer as letras deste disco tiven que facer un exercicio que non facía desde hai moito tempo. Tiven que re-aprender a escribir sobre cousas lixeiras, xa que nos meus anteriores traballos as letras eran máis cáusticas. Vas desenrolando un oficio cos anos, cada vez resúltache máis sinxelo rematar as letras. Neste grupo o problema era empezalas, tirarme a cousas que foran mundanas. En xeral estou contento, quedaron simpáticas, a intención non era mandar unha gran mensaxe. A de Dulceida realmente non fala de Dulceida, senón do que representa e de todo ese mundo, pero o título pareceume moi bo.

Non é a primeira vez que metes algunha versión nun disco teu, como Killed by Death ou Fortunate Son por exemplo. Como decides que cancións versionar?

Procuro facelo, gústame a idea de meter algo que sirva como referencia ao oínte. No caso desas dúas que mencionas démoslles unha volta tan grande que pensamos que pagaba a pena gravalas porque eran o suficientemente distintas como para aportar algo. En canto ás dúas deste disco, unha é de Mermelada, un grupo moi esquecido en xeral e que dá unha pista moi grande de por onde van ir os tiros. A outra é unha canción de soul dos 60 de Smokey Robinson que nos quedaba moi ben en directo. As outras que faciamos, que facemos un montón, están un pouco máis trilladas.

De feito, cando comezaches cos Bo Derek’s, eu pensei que era unha banda de versións de rock n roll.

Case todo o mundo o pensou, quizais influídos por Los Naipes. Neste caso comezamos xa con material propio. Se fose un grupo para facer versións probablemente non o teriamos feito, porque eu teño que ir a ensaiar a Meaño, preto de Sanxenxo. Non tería a mesma ilusión. Isto ponme moitísimo máis, e creo que a eles tamén.

Óscar observando un dos seus moitos vinilos | Pablo V.

Non hai demasiados grupos na cidade nin en Galicia cun rock n roll tan directo como o voso. A que crees que se debe a pouca sona deste xénero?

Na cidade a verdade é que non sei se hai grupos nesta onda, pero por exemplo Jorge e Rufus son membros de The Wavy Gravies, que son case o mesmo. Pero en Galicia e en castelán si que non creo que haxa moitos. Se os hai, pido desculpas (risos). Podes pensar na Familia Caamagno, que cantan en galego, pero quizais son máis sixties punk. Nós somos máis de finais dos 70. A nivel nacional si que hai mogollón. No underground hai un montón, outra cousa é que saian adiante.

Sénteste máis cómodo de frontman ou acompañando cun baixo ou guitarra á banda?

Creo que estou cómodo en todas as facetas. Antes, sen dúbida, atopábame máis cómodo detrás que diante, pero agora mesmo xa estou acostumado. Con Los Naipes ao principio estaba moi incómodo, porque eu nunca fora guitarra solista, sobre todo sen ter a outro guitarrista detrás. Agora xa está, proba superada (risos). E co baixo sempre estou cómodo, é o instrumento que levo tocando desde o principio dos tempos. Cando comecei cos Bo Derek’s propúxenlles meter un guitarrista máis, pero despois dos ensaios vinme ben e pensei que quizais meter outra guitarra quitaríalle gancho, preferimos que sexa directo, sen arranxos nin nada. Eu agora metería un piano ou un saxo antes que outra guitarra.

Hai algunha banda ou artista local que xurdise nos últimos anos que che chame especialmente a atención?

Non vou dicir Soul Jacket porque non o precisan e ademais xa se sabe. O último disco dos Family Folks paréceme súper chulo, e tamén Joao Tomba, que está a preparar novo traballo. Fora de Vigo están os Wavy Gravies, e non só porque sexan amigos, senón que esta banda eu a montei porque despois de velos en directo quería tocar con eles. Os seus concertos están de puta nai, así que teño que dicilos pese a que sexan amigos. Os dous primeiros discos da Familia Caamagno tamén gústanme moito.

Ademais de cos Bo Derek’s e Siniestro Total, algún plan máis para este 2019?

Hai un disco de Reposado que leva gravado dous anos, que está arquivado pero sen mesturar aínda. A min gústame moito, pero con Reposado é bastante difícil coincidir, porque Mauro está con Soul Jacket e Andrés [Cunha] ten oitenta mil proxectos. Sacareino nalgún momento no que me vexa capaz de defendelo en condicións. Ao mellor remato publicándoo online sen edición física, salvo que alguén estea disposto a pagala porque lle dea a gana. Agora estou centrado cos Bo Derek’s. É moi doado e moi económico xirar con eles, e estamos totalmente volcados nisto. Entre Siniestro e Bo Derek’s chégame de momento, porque quen moito abarca pouco apreta. É certo que seguirei con Los Naipes, porque con eles non hai ningún tipo de presión, non hai que defender nada. Xorde un bolo cada tres meses, facemos un ensaio e tocamos.

Algunha novidade respecto a Siniestro?

Banner A Movidiña

Non (risos). Desde que cambiamos de batería pois non deu tempo a facer gran cousa. Xiramos o ano pasado e xiraremos este tamén. Todo en orde.

E o novo disco de Reposado, segue na mesma liña que o anterior?

Si, parécese como se ten que parecer. O xusto, sen parecerse de máis (risos). Non é igual, pero segue na liña.

(GMT+01:00) La Fábrica de Chocolate

(GMT+01:00) Sala Kominsky

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.