REVISTA ABRIL

‘Invierno’, a primeira das catro estacións de Presumido

O dúo vigués vén de lanzar ao mercado Invierno, o primeiro EP que conformará o disco Cuatro Estaciónes. Formado por tres cancións, dúas das cales con videoclip, xa se poden escoitar en plataformas dixitais. 

Portada de ‘Invierno’, o primeiro EP de ‘Cuatro Estaciones’

Seguindo a senda de artistas como Vivaldi, o dúo de pop electrónico Presumido pretende musicalizar as estacións do ano no seu traballo Cuatro Estaciones, que esta semana viu a súa primeira parte. Formado por tres temas, Invierno é o inicio deste ambicioso proxecto levado a cabo por Nacho Dafonte e Tarci Ávila.

Lembremos que o camiño ata chegar aquí non foi nada sinxelo para a banda: debido a fortes diferenzas coa súa axencia, véronse na situación de comprar a súa liberdade discográfica empeñando os seus instrumentos, o que lles levou a realizar unha campaña de crowdfunding para poder recuperalos. Tras conseguilo cunha velocidade sorprendente, agora presentan a primeira das catro partes que formarán este Cuatro Estaciones. 

REVISTA ABRIL

El Rey Azotado, La Ley del Hielo e Amapola Desnuda son as cancións que forman o EP, polo que de seguir nesta liña, o traballo rematado contará con 12 cancións, unha por cada mes do ano. A atmosfera invernal deste traballo contraponse con momentos de éxtase, con comezos máis tímidos que acaban por desembocar nunha oleaxe de enerxía electrónica. Sendo fieis ao estilo de Vendetta, o seu anterior traballo, introducen cambios que os achegan máis ao pop electrónico moderno, sen deixar aos seus referentes como Depeche Mode ou Kraftwerk de lado. 

Os dous primeiros temas dispoñen de sendos videoclips en YouTube, moi diferentes entre si. En El Rey Azotado vemos, en branco e negro, aos membros da banda nun interior iluminado por destello case epilépticos. A presenza do xa coñecido guante medieval é constante. En cambio, en La Ley del Hielo atopámonos cunha historia de amor e desamor entre dúas rapazas rodada en Los Ángeles, California. Tamén podemos ver tanto a Nacho como a Tarci, a pesar de que o protagonismo neste caso recae nas dúas namoradas.

A produción, gravación e mestura foi a cargo de Iago Lorenzo, e está masterizado en 24-96 Mastering (Alemaña) por Robin Schmidt (Placebo, Two Door Cinema Club, Mando Diao, Wolf Alice, The Kooks…). Por último, lembrar que o 5 de xullo estarán no PortAmérica e entre o 1 e o 11 de agosto no Sonorama Ribera.