UVIGO
FILLOAS

Presumido: “Neste país o pop electrónico está asociado co banal, e a nosa música é xusto o contrario”

Seguro que esta non é a primeira vez que oídes falar de Presumido. Hai dous anos lanzaron o seu novidoso e exitoso álbum debut Vendetta, agora reeditado como Re-Vendetta polo seu propio sello. Hai un ano víronse na obriga de empeñar os seus instrumentos para conseguir a liberdade discográfica, e recuperáronnos grazas a unha masiva campaña de crowdfunding. Ao longo deste ano foron lanzando un EP por cada estación, proxecto que culminaron este mes con Cuatro Estaciones, traballo que presentarán este sábado 2 de novembro en La Fábrica de Chocolate. Falamos novamente con Tarci Ávila e Nacho Dafonte antes deste prometedor show.

Tarci e Nacho durante un concerto na Fundación Sales este verán | Pablo V.

Despois de todo o que pasou e de tanto tempo xestando este proxecto, nalgún momento tivestes a sensación de que non ía saír adiante, que non ía chegar a ver a luz?

Sentimos unha dualidade, de saír adiante e de non chegar a tempo, todos os días desde que iniciamos este proxecto. Estivemos sometidos a unha presión brutal porque nos impuxemos uns prazos que para os “profanos” poden parecer normais, pero ti pensa que cada tres meses había que gravar, producir, mesturar, masterizar… e cada proceso desos o realiza unha persoa ou unha empresa distinta. Conseguir que todo iso se alinee e estea dispoñible na próxima estación é unha pasada. E como dixemos, en outono recolleitariamos o sembrado ao longo do ano nun LP físico.

Este sábado presentades o disco en Vigo, en La Fábrica de Chocolate. Imaxino que será un dos vosos concertos máis especiais ata a data.

Vigo é especial, formámonos como músicos aquí, pero tamén o da semana que vén en Madrid o é, porque foi onde fixemos o noso primeiro sold out e é onde máis público temos. Despois, tamén hai un montón de cidades nas que nunca estivemos e tamén será especial por iso. Vigo é casa, vai ser moi bonito por poder ver moitas caras coñecidas no público. Ademais, cando rompinos coa nosa anterior discográfica, o noso primeiro concerto foi tamén en La Fábrica.

Este verán tocastes en moitos lugares e festivais, algúns de grande formato como PortAmérica ou Sonorama e outros máis reducidos como Solpores do Museo ou na Fundación Sales. Cal recordades con espcial agarimo?

Contra todo pronóstico, o último concerto do verán que foi no Festival de la Luz (Boimorto), foi realmente especial. Ao ser un festival grande con varios escenarios, comezamos o concerto coa carpa practicamente baleira e rematamos con milleiros de persoas tanto dentro como fóra, porque non cabían. Foi moi importante tocar no Rock in Río Tea (Ponteareas) por ser a primeira banda de electrónica da historia do festival. Era un reto para nós, mesmo nos plantexamos ir con cascos por se nos lanzaban pedras (risos). Ao final saíu moi ben, fixemos fans e conseguimos enganchar a xente moi defensora acérrima do rock.

Xa fixestes uns 4 concertos de presentación deste novo disco, que tal está a responder a xente?

Moi ben. Tiñamos medo sobre todo co de Barcelona, porque estas semanas estanse a cancelar moitos concertos por medo a non vender entradas e os medios de comunicación están totalmente centrados no que está a suceder a nivel político e social. E a verdade é que salimos bastante airosos, vendimos o 90% das entradas nos últimos dous días.

Que diferenzas destacariades entre os Presumido do voso primeiro traballo e os deste Cuatro Estaciones?

Notámonos moito mellor preparados para este segundo, porque ao final todo é un adestramento. Co tema de autoxestionarnos tamén estamos a aprender un montón de cousas. A nivel son estamos moito máis contentos con este segundo disco, non temos vergoña en tirar temas. Vendetta foi un disco que se fixo a base de descartar: fixemos moitas cancións e deixamos as que máis coherencia tiñan entre si. Agora mesmo controlamos moito máis a linguaxe que queremos utilizar, tanto en letras como en son, e a estética do grupo está moito máis clara. A gran diferenza é que no primeiro disco sabiamos o que queriamos contar e como facelo, pero agora aprendimos a contalo nunha lianguaxe na que a xente o entenda mellor. Utilizamos unha etiqueta que é electropop sibarita, porque neste país o pop electrónico está asociado a algo máis ben banal, de diversión e de petardeo. A nosa música é o contrario, está chea de matices e reflexións.

Sempre que se fala de vós adóitase destacar a orixinalidade da vosa proposta. Que ten Presumido de diferente que non teñan os demais?

España é o como un oasis cultural en Europa, e nós nunca nos sentimos identificados coa escena musical española. As nosas influenzas son anglosaxonas case todas, e o que nos diferenza dos demais e que nós collemos esas raíces anglosaxonas e as importamos a España poñéndolles letras en castelán. Iso fai que soe totalmente diferente.

Por que decidistes facer dúas versións distintas de El Rey Azotado?

A primeira razón é que se nos ofreceu moita xente para facer remixes, de feito hai un de Carlos Bayona, o irmán do director de cine. Unha das propostas a fixo Paco Serén, famoso por ter sido membro de Los Piratas, e pasámonos polo estudio para regravar algunhas frases e que quedase diferente do orixinal. Cambiou tanto que iso xa non era un remix, era unha versión da canción, e por iso a incluímos como un tema a parte. Por outro lado, caéronse algúns temas que tiñamos pensados para Verano, xa que eran excesivamente comerciais e “bailongos”. E ese Rey Azotado encheu ese oco.

Despois dun traballo tan ambicioso como este, platexástesvos cal vai ser o seguinte paso?

Tiñamos pensado que o seguinte paso sería comezar a idear o terceiro disco, pero por unha serie de circunstancias nestes últimos días quizais os seguintes pasos teñan que ver coa expansión fora de España e non tanto con compoñer nova música.

Na contraportada do disco e no propio CD sae unha pizza catro estacións. Probástela? Que tal está?

Pois non a probamos, porque o deseñador do noso artwork ten a súa base de operacións en Madrid e entre el e a súa muller fixeron unhas 14 pizzas. Que por certo, é vegana, porque a parte que parece carne é soia texturizada e o que parece queixo non o é.

(GMT+01:00) La Fábrica de Chocolate

CAMELIAS NADAL
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.