COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Presumido: “A velocidade e paixón coa que sucedeu todo deixounos de pedra. Flipamos.”

A banda viguesa Presumido logrou alcanzar, e incluso sobrepasar nun tempo record, os 6000€ que pedían nun crowdfunding para recuperar os seus instrumentos. Agora, xa discograficamente libres, prometen rematar o seu próximo traballo canto antes como agradecemento a ese incrible apoio social. 

Tarci Ávila e Nacho Dafonte cos seus recén recuperados instrumentos | Presumido

Fai uns meses falabamos con Tarci Ávila e Nacho Dafonte, creadores do dúo de pop electrónico Presumido, e ambos mostrábanse tremendamente ilusionados co proxecto que traían entre as mans. Xa daquelas insistiamos en que non eran unha banda usual, xa que a súa maneira de levantar e conducir o grupo era do máis rechamante.

A mediados do mes pasado a banda sorprendía aos seus seguidores cunha inesperada campaña de crowdfunding: empeñaron todos os seus instrumentos para conseguir a súa liberdade discográfica, xa que as diferenzas coa produtora eran cada vez maiores. “Os problemas que tiñamos xa viñan de moito tempo atrás. A única diferenza é que por fin decidimos que era insostible esta relación e tiñamos que romper, custase o que custase”, comentan.

A cifra a alcanzar eran 6000€, ofrecendo diferentes recompensas aos ‘mecenas’. Os seus incondicionais, coñecedores da importancia desta campaña, sobrepasaron esta cantidade nun par de semanas, a vinte días de rematar o crowdfunding: “Confiabamos totalmente no noso proxecto e nos nosos seguidores, pero a velocidade e paixón coa que sucedeu todo deixounos de pedra. Flipamos.” Esa proximidade que mostran diariamente nas súas redes sociais puido ser clave á hora de conseguir tan pronto o diñeiro: “Adicamos un bo tempo a diario a falar e escoitar ós nosos seguidores en redes sociais. Non podemos asegurar que o 100% do éxito da campaña fora este. Pero imaxinamos que como público, axudar a un artista co que tes un vínculo emocional maior, tirará máis que o contrario.”

A honestidade do discurso de Presumido é absoluta: unha vez chegado á cantidade necesaria, pediron á plataforma Verkami se podían pechar a campaña, algo inaudito neste tipo de prácticas. “Unha vez conseguimos ese obxectivo, parecíanos deshonesto seguir pedindo cartos. O noso público respondeu con creces, agora é a nosa quenda”, afirman, aínda que recoñecen que ese diñeiro extra que poderían ter conseguido non lles viría nada mal.

A pesar da gran noticia que supón a recuperación dos seus instrumentos, o dúo recoñece que foi “moi duro” vivir esta cara escura da industria musical: “O que aprendemos foi unha mega lección de como non debemos facer as cousas no futuro. A aprendizaxe que nos levamos vale máis que todo o malo que nos pasou.” Iso si, non hai tempo que perder mirando atrás: “Os nosos plans máis inmediatos son seguir gravando o disco, preparar o terreo para a nova época de autoedición, montar o novo equipo de traballo, comezar a sacar material novo e buscar concertos.”

Moito se ten falado deste novo traballo titulado Cuatro Estaciones pero, que podemos esperar del? “Existe unha primeira parte que xa está lista, sacarémola e extenderemos este formato ao resto do disco. É dicir, que sairá ‘por fascículos’. Desta forma poderemos estar gravando e sacando cancións ao mesmo tempo.”

SONRIAS

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.