Un outono de cinema con ata oito festivais na provincia
A pesar do mal momento que está a pasar a cultura nestes momentos, os festivais de cinema non tiran a toalla e continúan a súa programación coas máximas medidas de seguridade. Estas reducirán notablemente a capacidade máxima de todos eles, pero non de seguro que non perderán a súa esencia. Colle papel e boli e anota as seguintes datas.
FESTIVAL DE CANS (2-5 setembro, Cans)
O noso tour festivaleiro comezará este 2 de setembro no Porriño, concretamente na vila de Cans. Alí terá lugar o xa prestixioso Festival de Cans, que este ano prepara unha versión máis reducida pero con todo o agroglamour de sempre. Desde a organización teñen artelladas unha serie de medidas de seguridade que buscan protexer a todo membro do público, traballador do festival, convidado e, sobre todo, ás persoas maiores da vila. Ademais das proxeccións, o evento contará con concertos, unha charla de Óliver Laxe, unha homenaxe a Chano Piñeiro e o premio a Manane Rodríguez, entre outras moitas actividades.
FICBUEU (11-19 setembro, Bueu)
O Centro Social do Mar acollerá a proxección de máis de 80 filmes, entre outras actividades complementarias como charlas, música, humor e gastronomía. A programación de curtas dividirase en coidadas seccións: infantil, familiar, experimental, galega, española e internacional. O FICBUEU naceu no 2008 para abrir unha fiestra cara ese cinema local e internacional de calidade a cotío vetado ao gran público.
PRIMAVERA DO CINE (15-20 setembro, Vigo)
O primeiro festival local chegará a mediados de setembro, despois de ter que adiar a súa data debido ao inicio do estado de alarma en marzo. Nesta novena edición continuará achegándonos cinema de todo o mundo, poñendo o foco principal no realizado en Galicia e en países lusófonos. Aínda non coñecemos a súa programación, si que podemos adiantar que celebrarán unha exhibición especial de Reboiras. Acción e Corazón o venres 18 de setembro, que incluirá un coloquio e a presentación por parte do seu director, o noso colaborador Alberte Mera.
PLAY-DOC (23-27 setembro, Tui)
Esta XVI edición do prestixioso festival internacional de documentais articularase sobre tres eixos fundamentais: a seguridade de todos os asistentes, a extensión do festival máis aló da sala de cinema e a ampliación da súa accesibilidade grazas á colaboración coa plataforma Filmin, onde parte dos contidos do certame estarán dispoñibles online. Entre outras actividades, propuxeron un curioso obradoiro de videocreación co cineasta Eloy Domínguez Serén sobre a experiencia persoal de cada un dos participantes na cuarentena.
FESTIVAL DE CINE INCLUSIVO (13-17 outubro, Vigo)
O segundo festival vigués será o VIIFF, un evento completamente gratuíto de curtas, longas e documentais que teñen como obxectivo entreter e sensibilizar. Nesta edición darase maior puntuación na selección a todos aqueles audiovisuais a concurso nos que se axude a coñecer e valorar o traballo dos profesionais da sanidade e os servizos sociais. Aínda non coñecemos a programación desta V edición.
CURTAS, FESTIVAL DO IMAXINARIO (23 out-1 nov, Vilagarcía de Arousa)
A celebración anual do cinema, a banda deseñada, a literatura, e moito máis de Vilagarcía de Arousa xa ten data. Desde a súa reconversión en 2016, Curtas tratou de dar cabida a todo tipo de ficcións e realidades máis aló do cinema, incluindo outras disciplinas artísticas. Esta 48º edición presentará produccións fantásticas de todo o mundo, que en moitos casos serán de rigurosa estrea no noso país, sen deixar de lado outros xéneros
GALICIAN FREAKY FILM FESTIVAL (28-31 outubro, Vigo)
O noso último festival local da tempada xa desvelou algunhas das novas desta Edición #3: homenaxerá ao filme The Shining no seu 40 aniversario, volverá a ter lugar na Sala Videodrome, o cartel é obra novamente de Paulo Mosca e María Llauger, recibiron máis de 400 obras e habilitarán a opción de ver as proxeccións vía streaming, para evitar aglomeracións. A capacidade máxima do recinto reducirase nun 80%, quedando en 40 persoas por sesión. Pronto anunciarán algunhas das obras a concurso.
NOVOS CINEMAS (15-20 decembro, Pontevedra)
O último festival do ano terá lugar na cidade veciña de Pontevedra. Nel ofreceranse primeiras e segundas obras de directores noveis e conta con dúas seccións competitivas de ámbito internacional: a Sección Oficial e Latexos, destinada a dar visibilidade a producións de factura máis fráxil e íntima. O certame conta con propostas como #LAB, o programa de orientación para realizadores e realizadoras noveis de Novos Cinemas, ademais de obradoiros e coloquios.
OUTROS FESTIVAIS EN GALICIA
Ademais dos oito anteriores, de aquí a final de ano hai uns cantos máis en todo o país:
- MICE – Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (25-30 ago, Santiago)
- VÍA – Festival de Curtametraxes de Verín (5-13 set, Verín)
- OUFF – Ourense International Film Festival (25 set – 3 out, Ourense)
- Mostra de Cinema Periférico (27 set – 3 out, A Coruña)
- Cortocircuíto (3-11 out, Santiago)
- Carballo Interplay (18-21 nov, Carballo)
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024