REVISTA ABRIL

Play-Doc propón un obradoiro audiovisual con Eloy Domínguez Serén

Play-Doc abre o prazo de inscrición dun obradoiro audiovisual para capturar e reflexionar sobre o tempo presente. O curso, impartido polo recoñecido cineasta Eloy Domínguez Serén, convida os veciños de Tui e da comarca a que expoñan a través de pequenas pezas audiovisuales a súa propia visión deste momento histórico provocado pola pandemia

Eloy Domínguez Serén na última edición do festival | Play-Doc

Baixo o título En primeira Persoa: Un Retrato Colectivo, este obradoiro audiovisual convida os veciños de Tui e da comarca para explorar a súa propia visión deste tempo que nos tocou vivir, animando a cada participante a realizar unha breve peza audiovisual na que retrate, expoña ou reflexione sobre o modo en que toda esta situación está a cambiar o xeito en que nos relacionamos coa nosa contorna, os nosos veciños e a nosa comunidade.

Ao longo dos meses de agosto e setembro de 2020, os participantes traballarán nesta obra coral, na que reflexionarán acerca da súa propia experiencia, tecendo xuntos un valioso entrelazado de pequenas historias persoais e colectivas. Durante todo o proceso de creación, os participantes contarán co seguimento, asesoramento, colaboración e apoio do cineasta Eloy Domínguez Serén, recoñecido e multipremiado realizador galego que conta cunha notable traxectoria internacional, na que destacan títulos como Hamada ou Non Cow on the Ice.

REVISTA ABRIL

O obradoiro dará comezo cunha xornada de visionado en grupo durante a última semana de agosto, na que os participantes poderán descubrir a obra de distintos cineastas, coñecer os diversos modos nos que se expresan, e contar así con referentes que poidan resultar útiles para a realización das súas propias pezas.

Os filmes resultantes non superarán os 3 minutos de duración e poderán elaborarse utilizando calquera formato de gravación, desde teléfonos móbiles ata cámaras profesionais. As obras finalizadas presentaranse dentro do marco da celebración da décimo sexta edición de Play-Doc que terá lugar en Tui do 23 ao 27 de setembro.

Para inscribirse non é necesaria ningún tipo de experiencia ou formación previa. Os que desexen participar deberán enviar un e-mail a produccion@play-doc.com co ‘asunto’: OBRADOIRO PLAY-DOC, e indicando nome completo e teléfono de contacto. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 20 de agosto, cun máximo de 10 prazas.