REVISTA MARZO

Camiño a Camiño ofrece oito rutas para este outono

Este outono o programa Camiño a Camiño ofrecerá oito rutas, desde o 19 de setembro ata o 7 de novembro, as cales percorrerán a senda panorámica de Vigo e as serras do Suído, Groba, Galleiro e Galiñeiro. As prazas dispoñibles suman un total de oitocentas, e ábrense a semana anterior a cada ruta.

Participantes nunha edición anterior do programa municipal Camiño a Camiño | Cedida

Este outono poderemos volver a gozar da natureza coa nova edición do Camiño a Camiño, unha iniciativa do concello de Vigo, que pretende concienciar e sensibilizar sobre a importancia de coidar o medio ambiente. O programa volve as orixes propoñendo oito rutas líneales e poñendo a disposición dos participantes un autobús que sairá da praza do Rei e os levará ata o punto de partida para despois recollelos no lugar onde remate a ruta e conducilos de novo ata a prazo do Concello. As primeiras catro andainas discurrirán pola senda panorámica de Vigo e as outras catro por diferentes serras da contorna.

Banner A Movidiña

O domingo 19 de setembro dará comezo esta iniciativa cunha ruta que terá como punto de partida a Madroa e discurrirá pola Senda Panorámica de Vigo ata o Parque Forestal de Bembrive. O domingo seguinte, 26 de setembro, os camiñantes iniciarán neste punto o seguinte tramo que os levará ata o Parque Forestal de Beade. Na etapa do día 3 de outubro percorrerán os montes de Beade e Valadares ata facer cumio no Monte dos Pozos. O peche deste bloque será o 10 de outubro, cunha ruta que partirá do monte de Valadares e rematará en Saiáns.

O programa continuará o 17 de outubro cunha camiñata pola Serra do Suído, seguida dunha na Serra da Groba unha semana despois e outra o día 31 de outubro na Serra do Galleiro. O broche final para esta iniciativa terá lugar o día 7 de novembro na Serra do Galiñeiro.

Para cada percorrido se ofrecen un centenar de prazas, logo os participantes serán divididos por grupos para cumplir o protocolo COVID-19. As incricións poderanse tramitar, como de costume, a través do 010, e o prazo ábrese o luns anterior a realización de cada un dos percorridos. Podedes consultar máis información sobre a forma de inscrición e as recomendacións para os percorridos no blog de Camiño a Camiño.