REVISTA ABRIL

Play-Doc deseña un novo modelo para a súa edición de setembro

Esta edición, que terá lugar do 23 ao 27 de setembro en Tui, articularase sobre tres eixos fundamentais: a seguridade de todos os asistentes, a extensión do festival máis aló da sala de cinema e a ampliación da súa accesibilidade grazas á colaboración coa plataforma Filmin.

REVISTA ABRIL
Teatro Municipal de Tui na anterior edición do festival | Play-doc

O Festival Internacional de cinema Play-Doc celebrarase na cidade de Tui do 23 ao 27 de setembro, despois de ter que pospoñer a súa décimosexta edición por mor da crise sanitaria. A organización presentará unha edición adaptada ás circunstancias e aos protocolos de seguridade requiridos en cada momento, para iso, nesta ocasión, o Festival pretende achegarse máis ao público, saír á rúa, e facer que parte da súa programación tamén se poida gozar en diferentes localizacións da cidade fronteiriza. O Teatro Municipal seguirá sendo o seu punto de encontro principal pero súmanse lugares como a Praza do Pracer, convertida na súa segunda sede, e outros puntos da cidade onde o público poderá participar de encontros, concertos, talleres e actividades dirixidas especialmente a eles. 

Play-Doc quere manter o seu espírito e continuar sendo un festival de dimensións reducidas pero cunha traxectoria e alcance de enorme transcendencia nacional e internacional. Este ano, como novidade, o festival tamén se poderá gozar dende casa, pois parte dos seus contidos estarán dispoñibles online, e para todo o territorio español grazas á colaboración con Filmin, a plataforma de cinema en streaming por excelencia en España.

Play-Doc consolidouse como referente, logrando manter un modelo de festival singular cunha programación rigorosa e un público masivo e extraordinariamente heteroxéneo. Ao longo destes dezaseis anos, Play-Doc converteuse nun lugar ideal para o encontro de novos creadores e polo que pasaron verdadeiras lendas do cinema, ademais doutros autores de culto ou censurados.