O GFFF homenaxeará ao clásico de terror ‘The Shining’ na súa Edición #3
Como xa é habitual, esta mañá presentouse a nova imaxe do Galician Freaky Film Festival, unha obra de Paula Mosca e María Llauger que homenaxea ao clásico de Kubrick The Shining, que este ano cumpre 40 anos. A edición #3 do certame terá lugar do 28 ao 31 de outubro na Sala Videodrome e reforzaranse as medidas de seguridade e hixiene fronte ao coronavirus.
Tras estes meses de parón obrigado, os festivais galegos volven con máis forzas (e medidas sanitarias) que nunca. É o caso do GFFF, que como xa é tradición, esta mañá presentou aos pés do Dinoseto o cartel da súa nova edición, un traballo de Paulo Mosca á ilustración e de María Llauger ao deseño. Como resulta evidente, este ano o filme homenaxeado será The Shining, de Stanley Kubrick, que este ano celebra o seu 40º aniversario.
A Sala Videodrome, que se vestirá como o Hotel Overlook, contará coas máximas medidas de seguridade: capacidade máxima reducida a 40 persoas por sesión, un 80% menos que en anos anteriores; xel hidroalcohólico tanto á entrada do festival, onde tamén se tomará a temperatura, coma en diversos puntos do interior. Do mesmo xeito, será obrigatorio o uso de máscara para moverse polo recinto, que tamén estarán dispoñibles para os asistentes, establecerase a circulación única e ao rematar cada xornada, procederase a total desinfección da sala Videodrome.
No tocante ao festival, este ano recibiu unhas 400 obras, algunhas delas premiadas en prestixiosos festivais de terror. Tamén habilitarán a opción de ver as proxeccións vía streaming, para evitar aglomeracións no recinto. O GFFF é un dos eventos que máis medrou desde a súa creación hai catro anos, polo que este ano precisa de gran apoio para poder superar estes momentos tan incertos para a cultura.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O Celta e os murais, unha relación problemática: Lula Goce e Davida denuncian malas prácticas - 14 Febreiro, 2025
- Atípico Circo: malabares, equilibrios e diversión en familia - 4 Febreiro, 2025
- Vigo queda fóra do mellor da cultura galega e sitúase en último lugar a nivel estatal - 30 Xaneiro, 2025
- Domingo Villar xa forma parte do museo escultórico da Alameda - 29 Xaneiro, 2025
- Tina Estarli, acróbata do Cirque du Soleil: “O importante non é que unha persoa destaque, senón que destaque o show” - 22 Xaneiro, 2025