PORTAMERICA
CAMELIAS NADAL

Vigo, cidade de cor: Xoana Almar

O mural plasmado no colexio público Emilia Pardo Bazán, no número 7 do camiño do Chouzo.

Como xa sabemos, este ano a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o sesaxésimo primeiro Días das Letras Galegas a Francisco Fernández del Riego, unha das figuras máis importantes da cultura galega do último século que, entre moitas outras cousas, tamén foi promotor da celebración que este ano protagoniza.

Non tiven a sorte de tratalo en persoa, pero repasando a biografía deste intelectual dedúcese que era alguén a quen lle rendían ben os días. Tampouco vou exaltar aquí os seus logros, entre outras cousas porque non chegaría o espazo, pero vou dicir que practicamente non hai unha iniciativa cultural da época en que non apareza o seu nome. Entre elas, a creación en 1950 da Editorial Galaxia, imprescindible canle de difusión da cultura galega. Don Paco era un apaixonado da literatura e un comprometido activista cultural: en vida, doou para a nosa cidade unha biblioteca de máis de 30.000 volumes, un valioso arquivo persoal e mais unha súa rica colección artística, custodiada desde entón na Casa Galega da Cultura.

Un amor cultural que comparten os socios da cooperativa Cestola na Cachola, unha sociedade dedicada ás artes da ilustración, da pintura e do muralismo, que foi constituída en 2013 —ano do centenario de Del Riego— por Miguel Peralta, Raquel Doallo e Xoana Almar. Esta última decidiu crear o mural que nos ocupa, titulado «Inmersión», coa clara finalidade de promover a lectura entre os rapaces do CEIP Emilia Pardo Bazán, o colexio do Chouzo. Benvidas sexan todas as iniciativas, grandes e pequenas, que promoven a cultura e a inmersión no máis fondo do noso ser, especialmente nestes tempos de rebumbio dixital. Que as Letras Galegas duren todo o ano!

VINA COSTEIRA
The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)