REVISTA ABRIL

Vigo, cidade de cor: Alba Fabre

Que te colguen dunha árbore atándote por unha perna non parece, así de primeiras, unha situación agradable. Con todo, a protagonista da obra da que falamos nesta páxina aparece cunha actitude relaxada e riseira ante tal contratempo. Que lle pasa? Goza coa angustia ou coa dor? Son preguntas que terán aqueles que observen este mural inspirado nunha carta do tarot, e esa é precisamente unha das virtudes da arte, facernos preguntas e dialogar coa obra.

Aínda que toda creacións artística é de libre interpretación, e a risco de facervos spoiler, reproduzo as verbas da artista sobre a incógnita da devandita muller alegremente pendurada dunha árbore: «Esta imaxe resalta a importancia da validación das emocións derivadas da incomodidade ou do conflito, que permiten a reflexión e a aceptación de tales sentimentos. A resposta que poderíamos obter nunha situación así seguramente estaría relacionada con emocións negativas, pero permiten reflexionar, analizar ou ser máis introspectivos. Estas emocións son, por tanto, igual de necesarias e válidas que as positivas». Así que xa sabedes, a próxima vez que a vida nos poña patas arriba, lembremos da muller colgada de Alba Fabre.

O mural sitúase na rúa da Travesía de Vigo, á altura do número 191.

The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)