Vigo, cidade de cor: Marta Lapeña
O outono que deixamos atrás será lembrado por moitas cousas. A nivel internacional, desde logo, o que pasará á historia será o xenocidio contra o pobo palestino na Franxa de Gaza a mans do sionista Estado de Israel, ante a complicidade dun Occidente ruín e submiso. A nivel estatal, probablemente lembraremos o gran circo «Cayetano» que se montou na madrileña rúa de Ferraz. E xa na nosa terra, do que máis se falou nas rúas foi do clima, dado que encadeamos borrasca tras borrasca, tal e como se recorda esta época noutrora. Das condicións meteorolóxicas hase lembrar ben a artista Marta Lapeña despois de pasar pola nosa urbe para nos deixar un exquisito recordo en forma de mural. Ela mesma rememora a estadía como «unha experiencia incrible e dura asemade; días de traballo constante, vento do norte e algunha que outra pelexa co guindastre».
Non se pode saber aínda se a concatenación de baixas presións nada máis acabar a temporada estival ten que ver co cambio climático, aínda que os expertos barallan esa hipótese. Sexa como for, este é o máis grande dos problemas ao que nos afrontamos, por moito que o intentemos negar. O final das estacións e o clima extremo é parte da realidade que temos por diante, por non sabermos coidar da nosa casa. Sobre este tema quixo tamén falar Marta: «Este mural en Vigo, unha cidade pesqueira que continúa mantendo esta actividade económica e cultural, faille unha chiscadela á fraxilidade da biodiversidade, ao estado dos mares que tanto nos dan e que, ás veces, ben pouco respectamos». Oxalá a sensibilidade desta artista sexa contaxiosa e asumamos a biodiversidade como unha parte vital para nós, porque abofé que o é.
O mural sitúase sobre o número 8 da rúa de Benito Castro Nogueira.
Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)
- Vigo, cidade de cor: Milu Correch - 12 Febreiro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Marta Lapeña - 26 Xaneiro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Maz - 24 Novembro, 2023
- Vigo, cidade de cor: Alba Fabre - 10 Outubro, 2023
- Vigo, cidade de cor: Anastasia Belous - 28 Xullo, 2023