REVISTA ABRIL

Vigo, cidade de cor: Marina Capdevila

O 2 de decembro de 1993, esta cidade era testemuña do nacemento dunha iniciativa pioneira en todo o Estado que tiña por obxecto garantir o dereito á participación das viguesas como colectivo social: o Consello Municipal da Muller. Durante case tres décadas, este organismo constituíu un papel favorecedor do encontro das asociacións e entidades a prol das mulleres en Vigo, adquirindo un papel participativo e aglutinador das políticas a favor da igualdade, e poñendo de manifesto que as galegas contan cunha forza reivindicativa especial que as leva a querer ser donas de si mesmas.

Este espírito combativo inspirou á artista catalá Marina Capdevila para crear a obra que pintou este último verán dentro da oitava edición do programa Vigo, cidade de cor: «Noutras veces que vin a Galicia para pintar, tiven a oportunidade de falar con diferentes colectivos de mulleres; inspiroume moito o feito de que continúe ese papel activo. Por iso empecei a buscar máis información sobre a figura da muller na sociedade galega e atopei a iniciativa do Consello Municipal da Muller. Entón quixen facer unha homenaxe a todas esas mulleres que, xeración tras xeración, se reúnen, alzan a voz e se apoderan».

E abofé que o fixo. Cun estilo irónico, colorista, espontáneo, esaxerado e cheo de vitalidade, tan propio da artista, afastada do politicamente correcto: «As mulleres desta cidade foron das primeiras que empezaron a saír da casa, a facerse escoitar, a apoderarse. E así as imaxinei! Nunha casa, tomando uns grolos, intentando arranxar o mundo. Nesa parede quedan elas, cunha gran presenza e visibilidade no espazo público, fóra da casa».

The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)