Vigo, cidade de cor: Pow One

Unha serie de sucesos desafortunados vén marcando a actualidade desde hai máis dun ano. Á colección de infortunios sumábase hai uns meses unha mala nova para a cidade: O Marisquiño marchaba fóra! Os dixomedíxomes correron sen descanso buscando culpables e conspiracións, pero ao final todo quedou nun susto: O Marisquiño queda na casa. De momento…
O que de certo vai quedar connosco por moito tempo, malo será, é o mural co que o artista local Pow One, coa inestimable axuda de PrimAsten,homenaxea o vixésimo aniversario do festival da cultura urbana. 20 metros de alto por 13 de largo como tributo para todas as persoas que fan posible O Marisquiño. O seu autor buscou integrar a obra no espazo que a ampara: «Todo o que hai baixo a figura é un esquema do que se ve desde a rotonda: os farois son os mesmos, por exemplo; e o edificio do lado en negro, é o mesmo perfil dos que conviven co mural».
Ao xeito dos organizadores do evento, o artista decidiu deixar para o final o prato forte: «Pensei en poñer o logotipo do certame na cara do debuxo, para facelo impersoal e, asemade, que todo o mundo se puidese identificar con el. Pensamos que deixar esa parte para o final alimentaría certa intriga, facendo que a xente especulase co que iamos facer. Como me axudou Asten, sendo el destro e eu zurdo, traballámolo en modo fotocopiadora, o que lle engadiu un aquel ao proceso».

O mural está á altura do número 31 da rúa da Coruña.
Juan Teixeira
Fotógrafo documental e xestor cultural
Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)
- Vigo, cidade de cor: Ana Langeheldt - 25 Outubro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Milu Correch - 12 Febreiro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Marta Lapeña - 26 Xaneiro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Maz - 24 Novembro, 2023
- Vigo, cidade de cor: Alba Fabre - 10 Outubro, 2023