REVISTA ABRIL

Vigo, cidade de cor: Ramón Trigo

Hai unhas zonas da cidade que están máis expostas ao público e outras que o están menos. Na segunda categoría poderiamos incluír as escaleiras que unen a rúa do Conde de Torrecedeira coa do Marqués de Valterra. Se non as coñeces, desde aquí invitámoste a cambiar iso, dado que te estarás a perder un tsunami expresionista de cor creado por Ramón Trigo, experimentado artista que comezou a súa andaina nestas teimas a mediados dos anos 80.

O propio artista explica moi ben a orixe da súa obra: «O tema do mural xurdiu en canto coñecín a localización na que ía estar emprazado. O lugar está cheo de simbolismo, xa que linda cun edificio emblemático coñecido como “a casa do pescador”. Son unhas vivendas tradicionalmente habitadas por familias de mariñeiros. Isto, engadido ao feito de que  as escaleiras gozan dunhas vistas privilexiadas da ría, e particularmente do porto e da lonxa, fai deste enclave unha especie de porta ou miradoiro á ría e ao mundo do mar e da pesca. Así que decidín dedicar o mural á estreita relación que existe entre a cidade e o mar. O feito de que tanto esta rúa, coma moitas outras da cidade, desemboque no mar, suxeriume a idea de facer que, á vez, o mar rubise polas rúas arrastrando nunha especie de  tsunami todo canto atopaba ao paso: barcos, peixes, persoas…».

A zona é de obrigado paso diario para algúns veciños, que gardan una relación moi cercana co lugar, e agora coa obra de Ramón. «O que máis recordo foron as diversas reaccións dos viandantes ao verme traballar no muro: desde quen quedaba un intre observando o meu traballo e o progreso do mural, ata quen me facía preguntas sobre cuestións técnicas ou me daba algún consello ou suxestión. Pero sobre todo lembro o agarimo e o respecto con que me trataron os veciños da zona», asegura o artista. Se para ti estas escaleiras non son de paso obrigado, fainos caso e vai ver a obra de Ramón

REVISTA ABRIL

O MURAL ESTÁ SITUADO NAS ESCALEIRAS QUE UNEN TORRECEDEIRA CON MARQUÉS DE VALTERRA.

Texto e fotos: Juan Teixeira

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Maio de 2019. Podes consultar o número completo neste enlace. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)