COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Vigo, cidade de cor. Expostas, Vanesa Álvarez

Vanesa Álvarez (Vigo, 1983), titulada en Artes Plásticas e Deseño, traballa como deseñadora gráfica desde hai catorce anos, tanto na súa onda máis comercial como colaborando para artes escénicas, performance, poesía e arte urbana. Esta última faceta é unha das que máis lle atrae: «O carácter democrático da cidade como soporte artístico sempre me fascinou. As accións a pé de rúa, estarcidos e pegadas, con significado poético ou social. En 2010, nunha acción artística na rúa Irmandiños, caín na conta de que quería explotar o territorio urbano como medio de expresión. Despois, cada vez máis muros e cada vez máis intervencións».

A dificultade para poder vivir exclusivamente da arte obrigou a esta viguesa a diversificar e buscar alternativas, o que a levou por exemplo a rexentar o mítico local La Fiesta de los Maniquíes, en Churruca, pechado a primeiros de ano. Agora esta situación comeza a cambiar, como ela mesma admite: «Moi poucos viven da arte hoxe en día. O xenial do muralismo é que consegue que moitos que non estamos ao cen por cento no circuíto de feiras e galerías poidamos facelo. No meu caso, hai cinco anos, cando comecei a pintar murais, o diñeiro que gañaba por isto era anecdótico; o meu soldo viña do meu traballo como deseñadora gráfica. Agora podo dicir que o cincuenta por cento da miña facturación anual vén de pintar… Imos progresando».

O feminino plásmase na súa obra como unha forza visionaria, con ecos de Marina Abramovic, Bárbara Kruger ou Cindy Sherman, reivindicando a figura da muller loitadora e sofisticada. Precisamente esa reivindicación é a que a levou, canda outras compañeiras, ata o proxecto Expostas, que avoga pola reflexión sobre a imperiosa necesidade de reapropiación do espazo público por parte das mulleres, como artistas e como colectivo representado: «Queremos dar visibilidade ás mulleres a través da arte urbana, plasmando en muros a mulleres reais, con historias reais que están vivas agora mesmo. Acompañamos o muro de entrevistas e documentación. A primeira edición de Expostas foi o ano pasado, no muro do Pavillón do Berbés, en contra da violencia de xénero. E este ano realizamos en Beiramar unha homenaxe ás mulleres da conserva».

Texto e fotos: Juan Teixeira

[Esta entrevista pertence á revista A movida de Setembro de 2018. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

SONRIAS
The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)