Vigo, cidade de cor: Maz
Buscando información na Rede sobre o artista do que aquí falamos non atopamos máis que datos moi xenéricos, como que estudou Belas Artes ou que actualmente reside en Sober. A razón é sinxela: Maz prefire o anonimato, dado que, ademais de murais pagados ou con permiso, tamén pinta de xeito, digamos, alegal. Pode que tamén haxa algo de quererse manter á marxe desta tolemia que é a sociedade en que vivimos; observar e intentar comprender desde a marxe este
desenvolvemento imparable e suicida —aínda que isto é unha opinión persoal non verificada—.
O que está claro é que Maz emprega a arte como medio de expresión persoal e reflexión crítica, establecendo unha relación entre a paisaxe que habita o ser humano e as relacións socioeconómicas, o que configura unha relación tóxica na que o medio ambiente é vítima e o home é agresor. Como exemplo evidente e próximo, temos a peor traxedia ecolóxica da nosa historia, aquela acontecida o 13 de novembro de 2002, bautizada cun nome que aínda nos revolve o estómago: Prestige.
Pero tampouco fai falta ir ata desastres tan palpables. O capitalismo é un monstro de mil cabezas que se manifesta dos xeitos máis variados, e Maz busca retratar aqueles nos que a industrialización devora a natureza. Como sucede en moitas zonas da nosa cidade, onde espazos naturais fermosos e imprescindibles para a biodiversidade foron subtraídos polo home para continuar cun proceso de crecemento económico presuntamente infindo, levándonos a múltiples paradoxos. Para mostra, o mural que hoxe comentamos e a cita do autor ao respecto: «Mesturar a area da praia con cemento e levantar paredes nas que poder pintar praias que nos lembren paisaxes que sepultou o cemento».
O mural sitúase nas escaleiras de María Berdiales.
Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)
- Vigo, cidade de cor: Ana Langeheldt - 25 Outubro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Milu Correch - 12 Febreiro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Marta Lapeña - 26 Xaneiro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Maz - 24 Novembro, 2023
- Vigo, cidade de cor: Alba Fabre - 10 Outubro, 2023