Vigo, cidade de cor: Lidia Cao
Os vehículos que pasan polo túnel de Beiramar van máis amodiño ultimamente. E non é porque teñan instalado un novo radar, senón porque intentan descifrar un novo mural que dá cor a esta parte oculta na urbe. Queremos dar respostas á xente que nos le, por iso preguntamos directamente á autora da obra, Lidia Cao, sobre o seu significado: «O mural que realicei na Avenida de Beiramar ten unha relación co paso do tempo. En canto souben que me asignaban o túnel, veume á cabeza ese concepto, xa que é un sitio por onde pasa moita xente todos os días para ir traballar. É un tramo longo, pero en coche son apenas uns segundos. A miña idea é simbolizar o crecemento que implica a vida, que ao final, por moito que mires o reloxo, non vai volver cara a atrás. O tempo é esvaradío e veloz».
A localización da obra é cando menos curiosa. Está claro que diante dela pasan milleiros de persoas a diario. A toda velocidade. Por iso a relación co espectador é moi especial. E a realización non estivo exenta de curiosidades: «Aínda que case perdo parte da miña audición polos coches, collín un catarro negro polos fumes e tiven algo de medo por estar tan preto do tráfico, foi unha boa experiencia», asegura Lidia, que leva de certo pouco tempo como artista urbana. Ela vén do mundo da ilustración —buscade por ela na internet, que paga a pena!—, e grazas a un obradoiro de muralismo no Rexenera Fest, festival internacional de arte pública de Carballo, botouse a facer o seu primeiro mural en solitario na primavera de 2017. Desde entón está enganchada: «Para min é importante intervir nas rúas, xa que as facemos máis nosas, conectando coa xente, experimentando co lugar e dándolle máis significado segundo o contexto. Ademais, cando pintas en estudio, aínda que sexan cadros grandes, non sentes o mesmo que ao estar encol dunha estada, pintando a base de pousar os xeonllos. A sensación vén sendo aditiva, e logo queres pintar máis e máis. É moi agradable». Algo nos di que veremos máis obras dela pola cidade.
[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Decembro de 2018. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]
Texto e fotos: Juan Teixeira
Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)
- Vigo, cidade de cor: Ana Langeheldt - 25 Outubro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Milu Correch - 12 Febreiro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Marta Lapeña - 26 Xaneiro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Maz - 24 Novembro, 2023
- Vigo, cidade de cor: Alba Fabre - 10 Outubro, 2023