REVISTA MARZO

Cao de Mos (Sala Rebullón): “Son pesimista coa nova normalidade”

A Sala Rebullón é unha desas bonitas rarezas que nacen con pouca frecuencia nas cidades. Unha sala de concertos, máis tamén un centro social e un lugar xestionado pola veciñanza, que centra os esforzos na promoción da música local e a convivencia entre a urbe e o rural, o cemento e os montes, pois é na Comunidade de montes de Tameiga a entidade onde se engloba este iniciativa. Cao de Mos leva tres anos a fronte da súa programación. Falamos con el sobre o parón destes meses e os proxectos cos que un proxecto único como a Rebullón afrontan a desescalada.

Póñamonos en situación, como nace a Sala Rebullón e cales son as súas aspiracións?

A sala nace por iniciativa da Comunidade de montes de Tameiga de convertir un punto de encontro da veciñanza da zona nun lugar atractivo para unha comunidade máis ampla. Os meus amigos e eu organizábamos o Festival Rebumbio de Mos e por iso nos encargaron hai tres anos a xestión do espazo e as actividades do Centro Social Cultural e Deportivo As Pedriñas, que é a institución á que pertencemos. Coido que sempre quixemos descentralizar un pouco a oferta cultural e poder facelo ao noso xeito.

Que supuxo para vós o parón pola pandemia?

Pois como apara todos. Tivemos que cancelar toda a programación e pechar as portas ao público nuns meses que para nós son de moita actividade. Quedamos sen ver, de momento, a Rodrigo Cuevas, unha xornada de Turbosound, a festa de presentación do Son Rías…

Centrades a vosa programación especialmente na música galega, pero no mes de maio tivestes que cancelar o concerto dunha gran banda internacional, Stoned Jesus. Como vos afectou?

Non é o que máis nos doeu. Para nós o primordial son as bandas locais, esa é a nosa esencia. Aínda que tamén gozamos de grupos estranxeiros, a verdade é que para nós son un xeito de conseguir cartos e poder seguir programando grupos galegos.

Como afrontades a volta ao traballo?

De momento temos pensado reprogramar todas as bandas galegas que tiñamos apalabradas, e algunhas máis, ao aire libre. En breves sacaremos o cartel, pero non imos deixar de traballar.

Como imaxinas esta nova normalidade na cultura viguesa?

Eu son pesimista con isto da nova normalidade. Non podo evitar pensar que a moitas das salas terán que pechar ao reducirse os aforos.

Banner A Movidiña

Cales son os vosos puntos fortes neste novo escenario?

Que non somos exclusivamente un espazo pechado, pois contamos con 35.000 m cadadros de espazo verde no que seguir levando a cabo as actividades con maior distancia e seguridade, polo menos no verán. Supoño que teremos que invertir un pouco a intensidade coa que estábamos traballando e poñernos máis as pilas nos meses de sol. De feito, xa estamos contemplando adiantar o Miúdo Fest, planeado para setembro, e evitar así solapalo con outras iniciativas da contorna, como o Wild Fest ou Cans.

Esta entrevista forma parte da serie #HistoriasDaDesescalada, un retrato por fascículos sobre como a cidade de Vigo esperta na ‘nova normalidade’ no que aportaremos os puntos de vista dos diferentes actores culturais, desde artistas a axitadores, sen esquecer as salas e a todos aqueles que, dun xeito ou outro, fan a súa achega diaria ao ecosistema cultural vigués.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.