CAMELIAS MASCOTAS

Toño López: «A música podería ser un selo identificador de Vigo»

Ademais da gran voz pola que é recoñecido, José Antonio López López (Vigo, 1982) posúe un gran corazón. Non fai falta coñecelo moito para decatarse de que é unha persoa inquieta. Sen perder o sorriso nin a esperanza, procura un mundo máis xusto a través dos seus actos e música. A falta de iniciativas para promover a escena local, o cantante da banda The Soul Jacket decidiuse a continuar un festival que nacera hai anos: VigAid, un evento solidario ao son da música viguesa.

Toño López | P. Vázquez

Como te adentraches no mundo da música?

Na miña casa, a música sempre estivo presente; sobre todo polo meu pai, que era un grande afeccionado. Lembro os domingos pola mañá lavando o coche e a música a tope. Escoitabamos de todo, desde Queen ata José Luis Perales. Moito tempo despois descubrín a miña vocación como intérprete. Penso que foi nas veladas do colexio Hogar, onde eu estudaba; aí había amigos que tiñan bandas e empecei a decatarme de que aquilo me gustaba.

E logo cambiaches de rumbo?

No Hogar estudei electricidade, pero a música afectoume doutra maneira, remexeume por dentro e caín na conta de que ese era o meu talento vocacional. Sentín que era algo que tiña que facer para ser feliz nesta vida. Como electricista eu era mediocre, como cantante son bastante mellor.

The Soul Jacket é o teu proxecto principal, pero tamén formas partes de bandas como BlackStereo, Los Naipes ou a recente Top Secret. Como compaxinas todo isto?

Dedícome a isto ao cen por cento. Entón, ademais de ser unha actividade artística e satisfactoria, tamén é un traballo que require o estudo das cancións e a organización dos ensaios. Ao final, a música é a arte de combinar as axendas de todos os músicos, porque aquí cada un ten as súas bandas. Oxalá que The Soul Jacket, a banda coa que medrei e na que poño máis esforzo, dese por si soa para cubrir as necesidades e vivir.

The Soul Jacket no TerraCeo | P. Vázquez

Antes fuches electricista; cando te decidiches dedicar en exclusiva á música?

Traballei de moitas cousas. Sempre digo que son o vigués perfecto: de pai ourensán, traballei en Citroën e no naval e ao final acabei na música, que é algo moi representativo desta cidade. Chegou un momento no que eu xa non era capaz de combinar as dúas cousas; vin que se daba un paso máis, a música podía ser a miña profesión. Hai cinco ou seis anos que dei ese paso. Conseguín equilibrar certos gastos para vivir doutra maneira en prol de facer o que me gusta.

The Soul Jacket naceu no 2005. Como empezou?

Un amigo díxome que había uns rapaces que estaban buscando unha voz para o seu grupo, e enseguida conectamos. Fomos coñecéndonos pouco a pouco, porque é importante que se dea esa conexión enerxética entre as persoas que forman un grupo. Demos moitas voltas; entrou xente nova, saíron algúns compañeiros… Cando tes claro que queres que a banda vaia a máis e creza, é importante que a xente que a forma estea en sintonía. Moitas veces iso é o máis difícil: atopar xente constante, que acepte os altibaixos propios da banda e manterse todos nunha mesma onda.

Pero ata o 2012 non sacastes o primeiro disco, Wood Mama.

Durante ese tempo fomos madurando como banda. Gravamos algunhas cousas, pero quedaron no caixón de descartes porque sempre tivemos un listón bastante alto. Non nos valía calquera cousa. Con Wood Mama saímos coa cabalería preparada. A xente do panorama quedou sorprendida, pois moitas persoas non sabían nada de nós e aparecemos de repente cun son moi depurado e traballado.

Toño con The Soul Jacket na primeira edición de The Wild Fest | P. Vázquez

Tan determinante foi ese álbum, que o pasado mes de novembro fixestes unha festa polo décimo aniversario.

Foi un traballo decisivo. Gravámolo en Santander con Hendrik Rover, que se define como un fotógrafo que capta un momento dunha banda. Nós eramos totalmente inconscientes naquel momento, e esa inconsciencia quedou plasmada no disco, como tamén se reflectiu a potencia propia da xuventude, o descaro da inocencia. Foi un momento que non volveu suceder. Viñeron outros, pero ese é moi notorio dentro da nosa carreira.

Agora gravades en Vigo, á batuta de Pablo Iglesias en Radar Estudios. Por que decidistes cambiar?

Os tres primeiros discos gravámolos con Hendrik porque queriamos esa figura que nos puidese espremer. Pero coa evolución da banda, cada vez tiñamos máis claro o son que queriamos ter e para iso precisabamos un produtor que buscase eses efectos precisos, ese son… O último disco, ademais de gravalo en Radar, mesturámolo nos estudios The Dub Yard Records, con Javier Vicalo, cousa que xa foi unha loucura total, porque Javier flipa coa experimentación.

Cal é o principal cambio que ves na banda desde aquel primeiro traballo?

Todas as experiencias que vivimos desde entón foron enriquecéndonos e foron facendo banda. Toda a música que escoitamos xuntos na furgoneta, todas as conversas que tivemos en cuartos de hotel ata as oito da mañá, andar de festa por calquera punto de España… Todas esas cousas fan que a banda fale un mesmo idioma e que haxa unha conexión que chega ao escenario.

No 2022 publicastes KICK Radio, un disco co que aínda estades xirando. En que momento vos atopades?

Estamos nun proceso de desaceleración, necesitamos baixar o ritmo. Despois da pandemia mudou todo; as cousas que antes funcionaban, agora xa non o fan. A xente está deixando de ir a concertos en salas, os festivais chegaron á saturacións e estanse devorando entre eles… Está pasando algo que se nos vai das mans. En parte, este alto no camiño que estamos facendo é para ver cara a onde van as cousas.

The Soul Jacket na inauguración de Vialia | D. Carballás

Pensas que os grandes festivais están acabando coas salas, que son os lugares onde as bandas poden medrar?

Totalmente, penso que esa obsesión por comercializar todo está matando a música como elemento de expresión. Os festivais sempre levan a mesma xente, non arriscan, van ás bandas que saben lles van funcionar e creo que iso vai en detrimento da calidade musical. Moitos festivais están subvencionados, polo que nin sequera están arriscando diñeiro, pero isto tamén pasa coas administracións e realmente debería ser ao revés: como estamos a falar de diñeiro público, deberíase empregar para programar bandas non tan coñecidas. Trátase de sementar para que esas agrupacións medren.

Estades considerados por boa parte da crítica como unha das mellores bandas a nivel estatal. Sentes que en Vigo tedes o recoñecemento que merecedes?

Penso que teriamos que estar máis na rúa, tanto nós como outras bandas. Sempre poño o exemplo dunha viaxe que fixen a Milán; alí había cuartetos de corda na rúa, ías a unha casa e escoitabas un violín… A música era parte dos sons da cidade, iso aquí non pasa. Aquí a música é algo underground, que só alcanza a xente que a busca.

Toño López | P. Vázquez

Repróchase que non haxa un circuíto de salas nin máis apoio ás bandas. Estás de acordo con iso?

Está claro que aquí, en Vigo, a música está maltratada polas institucións. Houbo unha época en que había locais de ensaio, eu fun alumno do programa de dinamización xuvenil «Súbete ó Castro», que ofrecía clases gratuítas; unha chea de músicos pasamos por alía para aprender a tocar a guitarra, percusión… Iso deixou de existir. Agora volveuse abrir Vigosónico, pero botou moitos tempo abandonado, levado sen rumbo. A música podería ser un selo identificador de Vigo. Igual que se promocionan as luces do Nadal de maneira desaforada, poderíase promocionar tamén a música como algo característico de aquí. Algo así como se fai en Dublín, de onde ninguén marcha sen escoitar música en directo. Fálase moito de que as bandas toquen en Castrelos, e iso estaría guai, pero pódense facer moitas outras cousas, como unha xira de bandas viguesas a nivel estatal, concertos na Porta do Sol, nos barrios… Podería ser así, pero non o é. Os músicos temos que andar de buscavidas, facendo cousas e dinamizando a escena.

Non fai falta que o xures cando o mes pasado organizaches o festival solidario VigAid cun cartel cen por cento vigués. Que te impulsou a facelo?

Eu son unha persoa moi empática e non son capaz de quedar parado ante tantas situacións de inxustiza e desigualdade. A maneira que teño de facer algo é a través da música. A primeira edición do festival foi no ano 2016, a favor da ONG Proactiva Open Arms. Esta vez a recadación foi para un proxecto común que teñen a asociación Provivienda e a organización Emaús. Gústame moito a visión dignificadora que teñen. O festival é o exemplo de que se poden facer moitas cousas entre a veciñanza. É importante facer comunidade, axudarnos entre nós; penso que é algo que se está perdendo.

Haberá unha nova edición do festival no 2024?

Aínda non rematara esta edición e eu xa estaba matinando na próxima. Gustaríame facer algúns cambios. Por exemplo, facelo máis diúrno, porque eu son pai e si que noto que hai que moita xente con fillos á que se lle complica moito acudir aos concertos polos horarios. Tamén para que os rapaces poidan acudir e vexan outras realidades e que estean todos en contacto, pois eles son o futuro. Hai que ter empatía, humanidade, e iso é algo que hai que sementar nas novas xeracións.

REVISTA NOVEMBRO

Algún plan de futuro?

Unha das espiñas que teño cravadas é compoñer en castelán. As letras de The Soul Jacket sempre levan un compoñente social e revulsivo, pero ao estar cantadas en inglés non sempre se entenden. Doume conta que a xente reacciona e interioriza as cancións doutra maneira cando entende a mensaxe, pero cústame moitísimo compoñer ben en castelán. O inglés é máis sinxelo, máis musical. Para compoñer ben en castelán penso que hai que ser un pouco poeta e a min fáltame ese punto… Pero é un obxectivo que espero conseguir.

Tamara Novoa
Editora

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.