Vigo, cidade de cor: Lula Goce

É a primeira artista que repite nesta sección. E faino por diversos motivos. Un deles é que a súa obra na curva de San Gregorio —da que falamos no terceiro número da revista— vai desaparecer, dado que a medianeira na que reside o mural vai ser tapada por unha nova construción. Ironicamente, unha peza que pretende reivindicar os espazos verdes e a importancia da natureza no espazo urbano desaparece baixo unha gran masa de formigón, facendo que unha das obras máis aclamadas e recoñecidas do proxecto Vigo: Cidade de cor pase á historia pasado un lustro.
As seguintes verbas de Lula Goce nunha entrevista anterior resultan agora desconcertantes: «Encántame que a arte sexa efémera. O urbanismo é cambiante como a natureza. Cando partes dese ambiente, dese ecosistema, estás a aceptar a dualidade. Ao meu parecer, estas intervencións teñen que desaparecer». Seguro que non esperaba que isto acontecese tan pronto.
Malia todo, tamén hai espazo para o optimismo. O pasado verán a artista levou a cabo unha nova peza dentro do mesmo proxecto, acadando unha acollida excepcional. Non só os veciños están encantados, senón que mesmo foi escollida pola plataforma Street Art Cities como o mellor mural mundial do mes. A obra quere homenaxear as traballadoras do mercado que está en fronte, mostrando dúas mulleres rodeadas de fauna e flora mariñas. Unha parece que lle bisba algo á outra, pero obviamente non podemos saber de que se trata. «Trátase de facer traballar un pouco ao espectador creando a dualidade de algo que ves, pero non escoitas. Cada un pode acordar o seu propio significado», asegura con orgullo a artista orixinaria de Baiona. «Trátase dunha masterpiece, é unha das mellores que pintei e gústame moito que estea na casa». E engade con sorna: «Espero que non lle planten diante un edificio».

O mural está á altura do número 45 da avenida da Florida, perante o mercado das Travesas.
Juan Teixeira
Fotógrafo documental e xestor cultural
[Esta reportaxe pertence á revista A movida de marzo de 2021. Podes consultar o número completo neste enlace. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]
Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)
- Vigo, cidade de cor: Ana Langeheldt - 25 Outubro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Milu Correch - 12 Febreiro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Marta Lapeña - 26 Xaneiro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Maz - 24 Novembro, 2023
- Vigo, cidade de cor: Alba Fabre - 10 Outubro, 2023