COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

‘Sen Vigo non podería ser’ por Suso Iglesias

Os acontecementos históricos prodúcense cando alguén decide poñelos a andar ou cando existen as condicións obxectivas para que así sexa? Velaí o debate secular entre os artistas da farándula (que todo llelo fían aos momentos de inspiración) e os marxistas deterministas que enchían as aulas universitarias a mediados dos anos setenta mentres entoaban o Venceremos nós. Esa mestura de galeguidade, oportunismo histórico, marketing e rock and roll que se deu en chamar Xabarín Club volve poñer, 25 anos despois, o debate sobre a mesa. E son aínda moitas as preguntas por responder. Como é posible que un programa menosprezado actualmente pola TVG nacese e se desenvolvese con tanta liberdade durante o mandato de Manuel Fraga? Como pode ser que o camiño do rock ultraísta e galegofalante da banda Os Resentidos, minoritario dalgún xeito aínda que de sobra coñecido, tivese un fillo lexítimo chamado Xabarín, capaz de ilusionar milleiros de nenos e nenas do país en tan pouco tempo? Tería futuro unha versión actualizada do Xabarín? Existen as condicións obxectivas para que iso aconteza? Por demasiada implicación coa criatura, e porque xa me aproximo demasiado a esa idade do escepticismo e da repugnancia que che fai pedir nos locais que baixen a música, son debates nos que non me apetece entrar. Unha cousa si que podo asegurar, que a banda de son do Xabarín nunca existiría como tal se no sur de Galicia non existise unha cidade tan barullenta, tan poboada e tan chea de costas (en todos os sentidos) como a de Vigo. Era —e entendo que segue sendo — a cidade máis musical de Galicia. Xa o foi nos anos sesenta (Los Zuecos, Los Santos, Las Musas, El Clan e tantos outros grupos ye-yé). Nos setenta, cando trunfaban os cantautores: A Roda, Bibiano, Suso Vaamonde… ata esa explosión post-punk e identitaria dos oitenta iniciada por Siniestro Total nos tempos da movida e da reconversión naval. E xa a mediados dos anos noventa, coas primeiras cancións do Xabarín, que con tanta paixón e profesionalidade rexistrou Javier Abreu nos estudios Fussión. O que lle debe o programa do porco bravo á cidade de Vigo lémbranolo agora este exemplar da revista A Movida, aínda que seguro que a min se me fai insuficiente. Con Julián Hernández empezaba co primeiro carajillo no Haití, na rúa de Lepanto, despois El Manco, o Planta Baixa, La Iguana e… ao final da noite —se andaba por Vigo o Maestro Reverendo— saía a idea dunha canción tan marabillosa como a de Pepiño Grilo e Carmiña Vacaloura. Belén (Pussycats), Nico e Pablo (La Marabunta), Rosa, Silvino, Miguel, Silvia, Luís (Aerolíneas) son algúns dos nomes. O quiosco de Pepito, fronte ao Sereo, un lugar de referencia que non quero esquecer. E así ata case cen cancións. O roteiro vigués do Xabarín dá para un deses libros moi gordos, pero quen fai ben esas cousas é Pedro Feijóo. Prégolle que o teña en consideración.

Suso Iglesias
Creador do Xabarín Club

SONRIAS

[Esta entrevista pertence á revista A movida de Abril de 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]