REVISTA ABRIL

Vig Aid, o festival solidario da música local

Sete anos despois da primeira edición, o músico Toño López decidiu recuperar o festival Vig Aid e organizar unha fin de semana de música local nas salas viguesas. O venres 12 e o sábado 13 numerosos artistas e salas colaboran en favor das fundacións Provivienda e EMAÚS. Merca aquí o teu abono por 15,00 € ous as entradas individuais por 8,00 € cada unha.

Toño López (der) e Mauro Comesaña (esq) nun concerto de The Soul Jacket en 2021 | P. Vázquez

En maio de 2016 seis artistas locais xuntáronse no Mar de Vigo para ofrecer un recital de varias horas en apoio aos refuxiados de Siria chamado Vig Aid. Conducidos polo humorista e actor Carlos Blanco, Wöyza, Camarada Nimoy, Salitre, Wonderlust Kings, You Dog! e The Soul Jacket subiron aquel día ao escenario do hall do auditorio. O vocalista desta última banda, e doutras como BlackStereo ou Los Naipes, é Toño López, o instigador desta segunda edición: “Ocorréuseme darlle continuidade ao festival; sería bonito que se siga facendo cada ano, porque desde logo motivos sobran”, explica o cantante.

Aos organizadores da primeira edición pareceulles ben o uso do nome e o músico púxose mans á obra, isto é, a chamar a discreción a artistas e salas para reservar os días 12 e 13 de maio. A gran diferenza respecto ao 2016 é o cambio de ubicación: do Mar de Vigo a salas de concertos como Radar, Kominsky, Sinatra, Casa de Arriba e Masterclub. Un dos motivos é fuxir das mans da administración pública: “Falei coa organización daquelas e dixeron que case que tiveron máis problemas que solucións por parte do Concello, así que eu non quixen pasar por iso“, resume. A resposta das salas foi moi positiva, igual ca a dos artistas que tiñan dispoñibilidade eses días.

REVISTA ABRIL
Treintañeras Cañeras en La Fábrica de Chocolate en 2022 | P. Vázquez

Deste xeito, sumáronse á iniciativa Gabriel MacKenzie, Jazztronomics, Elephants Yard, Yung Voidy, Adan, Bloody, 6Glick, Srg NW, Gallos del Norte, Su Garrido, Treintañeras Cañeras e a súa propia banda, The Soul Jacket. A variedade estilística é un dos atractivos deste festival, pois en dous días sucederanse músicos de jazz, reggae, rock, blues, cantautor e música urbana, xénero no que Kaixo botou unha man coa programación.

Outro dos puntos a destacar deste proxecto é que se trata do máis parecido a un festival de música local que existe en Vigo. Tras o fallido experimento pandémico por parte do Concello en 2020, é difícil ver nun mesmo evento a tantos músicos da cidade compartindo cartel: “Queremos reivindicar a nosa música, temos bandas para facer cinco festivais. A ver se con este empurrón prendemos a chispa para que no futuro haxa un festival de música local e, se ninguén o fai, fágoo eu”, conta con convicción.

Su Garrido | P. Vázquez

Os cartos recadados van destinados a dúas organizacións nacionais con sede en Vigo: Provivienda e EMAÚS. “Coñezo a xente de ambas asociacións e despois descubrín que tiñan proxectos en común, así que tiña que ser deste xeito. As dúas fan moitísimas iniciativas a nivel local que buscan dignificar ás persoas en risco de exclusión social”, finaliza Toño.

Cartel do festival | María Llauger
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.