VEGANA

The Soul Jacket celebra o X aniversario do seu álbum debut por todo o alto

A banda viguesa de rock The Soul Jacket, unha das máis recoñecidas a nivel galego e estatal, celebra o décimo aniversario do seu primeiro álbum, Wood Mama, cun concerto na Sala Master este venres 25 de novembro ás 21:30. O evento conta coa participación do músico e produtor Hendrik Röver, do exmembro da banda Alberto Gregorio e algunha sorpresa máis. As entradas poden adquirirse fisicamente en Discos Elepé e a través da seguinte ligazón.

Mauro Comesaña e Toño López durante un concerto no Terraceo | P. Vázquez

The Soul Jacket é unha banda local que interpreta a través do seu prisma particular a tradición da música nortemericana, entendendo isto como o rock, blues, folk, country e soul. A banda iniciouse hai 18 anos e non foi ata o 2012, con varios cambios de formación, cando publicaron o seu primeiro álbum Wood Mama. Esta importante efeméride fai que o grupo ofreza este venres 25 un concerto especial na Sala Master, no que colaborarán o exintegrante Alberto Gregorio e o produtor do disco, Hendrik Röver. O batería da agrupación, Mauro Comesaña, prefire non desevelar se van tocar íntegro o seu LP debut: “É unha sorpresa”.

Unha das principais características de The Soul Jacket é ese nervio que lles fai non quedar nunca quietos e experimentar con diferentes estilos, pero sempre ofrecendo un son familiar. Malia que Wood Mama ten un aire moito máis clásico que os discos vindeiros, Comesaña opina que “o espíritu da banda cambiou pouco” nestes dez anos. O vocalista Toño López concorda, pero pensa que o grupo é agora “máis compacto e con maior calidade musical e compositiva”. Ademais, claro, do cambio evidente no número de seguidores da banda nesta década de grande actividade. Ambición e risco, ambos ben entendidos, poden ser os dous termos que mellor definan a viaxe desta chaqueta do soul.

A publicación do primeiro álbum supuxo o cambio de formación definitivo do grupo: o teclista Xavier Viétiez entrou como membro titular e Guillermo Gagliardi substituíu a Alberto Gregorio nas guitarras. O reencontro con este último vai ser un dos momentos máis especiais da xornada, pois no coinciden con el enriba dun escenario desde hai unha década: “Foi un momento moi doce. Sempre lle dixen a Berto que a nosa etapa xuntos foi unha pasada, saímos xuntos da casca“, lembra o cantante. Pola súa banda, Mauro admite que Alberto, Jorge Mizer (guitarrista de The Soul Jacket) e mais el están a preparar un proxecto paralelo, polo que xa tocaran con el un par de días antes: “O mellor de todo é que non cambiou o seu xeito de tocar en todo este tempo, polo que ao escoitalo é como volver ao primeiro disco”, apostila o batería.

Outro dos convidados será Hendrik Röver, músico cántabro de orixe alemá que lidera Los Deltonos e produxo varios dos discos dos vigueses, incluíndo Wood Mama. Cadrar para ensaiar con Röver é máis complicado, pero desde a banda non están nin un pouco preocupados: “Imos ensaiar con el o propio día do concerto pola tarde. Hendrik está curtido en mil batallas, é un tipo certeiro, sobrado de experiencia e un músico sobresaínte“, destaca López. “É un máquina”, engade Mauro, e avisa que levemos tapóns para os oídos, porque todo apunta a que durante algúns tramos do recital haxa ata catro guitarristas tocando á vez. Iso si, non sempre coa eléctrica enchufada, pois intercambiarana por acústicas, dobros, pedal steel ou mandolinas.

Wood Mama supuxo no seu día unha carta de presentación inmellorable para unha banda que xa levaba varios anos tocando pero que aínda non dera ese salto tan necesario para chegar a máis xente: “Foi o disco que nos puxo no panorama musical nacional. Está moi ben gravado e ten un son moi clásico” sinala Toño López, loubando o traballo de Hendrik Röver aos mandos do estudio Guitar Town. Mauro pensa que en xeral os álbumes debut teñen unha inocencia e un son pouco puído que os fan especiais. Aínda así, tira de pragmatismo e pensa que Black Cotton Limited (2014), o seu segundo traballo, é o máis importante da banda, pois a súa extensa xira de presentación abriulle moitas portas en todo o Estado.

REVISTA OUTUBRO

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.