The Wild Fest publica os horarios dos seus concertos e actividades
A un mes da súa celebración, The Wild Fest dá a coñecer os horarios e programación completa da súa sexta edición, que terá lugar os días 30 e 31 de agosto e 1 de setembro en Vigo e contará con Dakidarría e Julián Maeso como cabezas de cartel. As entradas para o sábado (o venres e o domingo son de balde) están dispoñibles na súa web.
The Wild Fest chega á súa sexta edición afianzándose como un dos festivais máis singulares de Galicia. Ademais da actuación dunha ducia de bandas nacionais, o festival chama a atención por celebrar The Wild Cinema, un festival de cinema medioambiental que proxectará máis dunha vintena de curtas internacionais. O certame, que terá lugar do 30 de agosto ao 1 de setembro, celébrase no parque forestal de San Miguel de Oia (Vigo), unha contorna privilexiada coas illas Cíes como pano de fondo.
O rock é o protagonista do cartel e o ambiente tranquilo e familiar un dos seus grandes atractivos. Julián Maeso, Dakidarría, Moura e Moonshine Wagon serán o prato forte do certame na noite do sábado 31 de agosto. O encontro complétase con talleres, actividades e actuacións infantís e Orientaventura, unha xyncana de orientación polo monte, que esgota prazas en cada edición. Ao longo destes tres días tamén se poderá gozar de mercado de artesanía e zona gastro.
O apartado musical complétase con concertos en horario vermú o sábado, con A Polémica Banda dos Bechuchos, e o domingo, con Mad Martin Trío. Ademais o festival revalida o seu apoio ás bandas galegas e emerxentes coa celebración da segunda edición do concurso de bandas Salvaxesons. O venres 30 de agosto celebrarase no festival a final do concurso, na que participan Sanny, Law, The Kelly Kelly’s, Superglú e The Broke. Un xurado decidirá o grupo gañador e outorgará un segundo e terceiro premio. Os tres primeiros recibirán 1.000, 400 e 200 euros, respectivamente.
As entradas están dispoñibles na web do festival cun prezo de 25 euros. A única xornada de pago é o sábado 31 de agosto, cando se celebrarán os concertos de Julián Maeso, Dakidarría, Moura e Moonshine Wagon, entre outros. Os nenos menores de 14 anos entran de forma gratuíta todos os días e non necesitan reservar a entrada.
Para as persoas que desexen pasar a noite, o festival habilita unha zona de descanso na que acampar por un custo extra de 5,00 € por persoa. Como na pasada edición, tamén haberá unha área reservada para furgonetas, cun custo de 10,00 € por vehículo.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024