REVISTA ABRIL

The Wild Fest inclúe concertos e actividades para nenos

O festival de cultura na natureza The Wild Fest, que terá lugar do 3 ao 5 de setembro no parque forestal de San Miguel de Oia, contará coas actuacións de Peter Punk, Magia en la manga e os títeres de Tarabelos, así como un obradoiro de pintura e un taller de merendas saudables.

Imaxe da edición de 2020 do festival The Wild. | P. Cermeño

Un dos obxectivos do The Wild é que toda a familia poida gozar da cultura nun enclave natural, por iso organiza tres actuacións e tres obradoiros pensados especialmente para o desfrute da cativada . Así mesmo os nenos poderán participar de moitas das actividades do festival, pensadas para público de todas as idades, como as sesións vermú con Susana Seivane e Enxeito, a andaina, a proba de orientación Orientaventura, a zona gastro ou a de artesanía. Ademais, os menores de 14 anos poderán acceder ao festival sen pagar entrada.

REVISTA ABRIL

Na xornada do sábado a programación infantil comezará ás 15h coa función Sabela e o paxaro máxico, da compañía de títeres Tarabelos. Un espectáculo de fantoches de luva e varas protagonizada por Sabela, un paxariño, un ogro e un mago, creado e interpretado por Esteban Acuña, quen tamén fabrica os monicreques de xeito artesanal. O mesmo día ás 18h o paiaso Peter Punk fará gala do seu humor traste e irreverente co espectáculo Chungo que te cagas, amosando a súa destreza (ou non) con todo tipo de elementos que irán saíndo da súa maleta. Xa o domingo, Óscar Fernández, de Magia en la Manga, traeranos o espectáculo Maxia sen desperdicio unha sorprendente actuación na que, a través da imaxinación e con obxectos cotiáns, porá de manifesto que o coidado do medio ambiente está ao alcance de todos nós.

En canto aos obradoiros, a partir das 12:30h do sábado os pequenos poderán amosar a súa pericia gabeando nun búlder preparado polos compañeiros de Mapache Climbing. O segundo obradoiro, facilitado polo equipo de nutricionistas de Eatlike, comezará a mesma hora e os cativos asistirán a unha sesión de Merendas divertidas tras a escola, un obradoiro práctico no que os nenos aprenderán a facer unha a merenda rica e divertida fuxindo dos produtos ultraprocesados. Xa pola tarde, Sara Iglesias, licenciada en Belas Artes, ofrecerá un taller de pintura e debuxo para todas as idades que terá
lugar o sábado a partir das 16h e o domingo desde as 15h.

As entradas para o sábado, xa están a venda na web do festival . O festival lanzou as primeiras 800 por un prezo promocional de 15€, dispoñibles ata o 29 de agosto. A partir do día 30 o prezo será de 18€. Os menores de 14 anos non pagan entrada.