Os eventos culturais adiantan os seus horarios

Acorde á nova normativa que impide saír do fogar entre as 23:00 e as 6:00, moitos espazos están a adiantar a súa programación nocturna para facela compatible con esta situación. Entre eles atopamos o GFFF, Sala Ártika, Teatro Ensalle, Sala Rebullón ou o Auditorio Municipal coa programación de Vigocultura.

Fotografía da obra A conquista da escola de Madhubai

O tema da covid non deixa de traernos novas, case sempre negativas, ás que temos que adaptarnos para tentar mellorar a situación. A última normativa impide saír do propio fogar, agás unhas poucas excepcións, entre as 23:00 e as 6:00. Antes desta novidade, a maioría de locais xa estaban obrigados a pechar entre as 23:00 e a 1:00, polo que algúns vense obrigados a reformular a súa programación.

ESCENICAS

Comezando polo Galician Freaky Film Festival, que terá lugar do mércores ao sábado desta semana no hotel Bahía. Eran varias as sesións que tiñan programadas para as 22:00, 22:30 e mesmo ás 23:30, polo que onte anunciaron os novos horarios, cuxa sesión máis nocturna será ás 20:30. Consultade os horarios completos aquí. Lembrar tamén que dispoñen de opción online para todo aquel que desexe gozar da sesión oficial e non poida asistir, xa que o aforo é moi reducido.

BARAFUNDA

En canto as salas de teatro, as obras na Ártika e no Ensalle terán lugar como moi tarde ás 20:30 ata novo aviso, agás algúns espectáculos concretos na primeira que serán ás 21:00. Esta fin de semana na Ártika temos Nueva Surrealidad do mago Carlos Tomico e Castrapo, mentres que no Ensalle estará o espectáculo de danza Bailar agora.

Seguindo coas artes escénicas, o programa municipal Vigocultura tamén adianta ás 20:30 todas as obras que terían lugar ás 21:00 no Auditorio do Concello. Este venres e sábado teremos A conquista da escola de Madhubai ás 20:30 e Viaje al centro del cuerpo humano o domingo ás 18:00.

A Sala Rebullón, practicamente a única que está a programar concertos, tamén adapta os horarios de todas as actividades previstas para outubro e novembro. De feito, víronse na obriga de adiar as actuacións de Zenzar e Os Residuos Atractivas polo Samaín, mantendo só a programación infantil con Brais das Hortas e Pakolas o sábado 31. O domingo ás 18:00 haberá teatro afeccionado coa obra A mirada das bolboretas.

É recomendable consultar as páxinas web ou redes sociais de todos estes establecementos antes de acudir a algún evento para asegurarse dos novos horarios.