Swing On, reinando na pista
A parella máis danzarina e inquieta da cidade, Elena Branco e Jorge Patiño, teñen un inicio de curso ben marchoso. Antes de iniciar as clases regulares en outubro, o swing aspira a conquistar a urbe durante as primeiras tres semanas deste mes. Baixo o nome «Setembro na rúa», propóñense 21 clases de jazz e lindy hop de diferentes niveis en varios espazos ao aire libre: na praza da Pedra, no Náutico fronte a estatua de Jules Verne e tamén na praza das Pontes, en Cangas. O prezo non pode ser máis popular: unha clase custa 5 euros e cinco, 20 euros. Ademais, os xoves 7, 14 e 21, a partir das 19:00, organízase un baile social aberto e gratuíto, cada día nun emprazamento, para desfrutar do swing en boa compañía á beira do mar.
Con todo o mundo motivado e cun par de pasos aprendidos, en outubro arranca o curso con múltiples horarios e unha terna de niveis, que denominan así: «desde cero», «multinivel relax» e «multinivel cañero». As clases son, igual que o ano pasado, no céntrico espazo de coworking Simia, agás o coro de swing dirixido por Rubén Fernández, que será os martes nas instalacións da cooperativa A Morada.
Unha novidade enfocada no público infantil e xuvenil é o Espazo Creativo Musical, un lugar onde a rapazada pode interactuar e experimentar con diferentes tipos de instrumentos e crear música en conxunto sen a compoñente teórica e académica dos conservatorios. O trompetista Gabriel Saitto é o encargado de guiar esta aprendizaxe para un alumnado con idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos.
Por último, Saitto tamén vai organizar unha jam session —ou foliada swing— na sala Kominsky un mércores ao mes, coa firme intención de poñer o público a bailar. Os amantes do jazz, do swing e da música negra teñen actividades dabondo nos próximos meses para perfeccionar eses pasos de baile que van deixar a todo o mundo a pasmar.
Rúa de Afonso XIII, 9 | info@swingonvigo.com | 687 71 14 36 | swingonvigo.com | @swingonvigo
Actividades en setembro:
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024