CASAACUNHA

Escoita, baila e toca swing no Swing On Vigo SEA

A escola de baile Swing On organiza un gran encontro de músicos e bailaríns de swing entre o 30 de xuño e o 3 de xullo que inclúe concertos, clases, jam sessions, encontros e unha excursión ás illas Cíes. Un evento aberto a bailaríns de swing, os que se queren inciar e aqueles outros que só queren gozar da festa!

Vigo celebrará entre o 30 de xullo e o 3 de xullo

A primeira edición de Swing On Vigo SEA celébrase do 30 de xuño ao 3 de xullo e contará cun equipo de 18 profesores de baile, 12 músicos de jazz, 8 djs e máis dun centenar de asistentes. O envento está organizado por Swing On, unha escola de baile que leva unha década impartindo clases e organizando eventos en Vigo para achegarnos a cultura jazz, o lindy hop e outros bailes swing.

A localización principal será o Salón Regio da Sede do Celta de Vigo, un precioso salón de baile dos anos 20 construído polo arquitecto Gómez Román. Este escenario recibirá ás bandas Le BarLuthier o venres 1 de xullo, e a Ghastas Pista Swing Band o sábado 2 de xullo. Os dous eventos celebraranse de 21.00h a 01.30h e contarán tamén con DJs que seleccionarán os temas máis bailables de Ella Fitzgerald, Duke Ellington ou Count Basie entre outros. Para quentar o ambiente realizaranse pequenos obradoiros guiados de baile.

No Salón Regio tamén se celebrará unha jam session o domingo 3 de xullo. A banda encargada de abrir a jam session serán Jazztronomics, formada por Héctor Agulla (batería), José Manuel Díaz (contrabaixo), Iago Marta (guitarra) e Diego Alonso (saxo). Unha vez rematada a actuación de Jazztronomics, a jam quedará aberta para os músicos e músicas que queiran subir ao escenario a cantar ou tocar un instrumento.

Ademais destas festas, o Swing On The SEA organiza unha festa de benvida con Swing On DJs o xoves 30 de xuño no Hache Club e unha festa de clausura o domingo 3 despois da jam na Sala Kominsky.

Banner A Movidiña

O festival tamén ofrece a posibilidade de participar nunha viaxe organizada ás Illas Cíes e un picnic con selección de música negra e conversas sobre cultura e swing. Para ambos eventos contan coa colaboración de Outro Conto, que elaborarán menús veganos, saudables e moi nutritivos baixo reserva previa.

E para quen xa ten nocións de lindy hop, baile swing que nace en harlem na década dos 30, tamén haberá clases de baile que se impartirán no propio Salón Regio e na céntrica escola de baile Inés Núñez o sábado e domingo pola mañá.

Existen tres modalidades principais de acceso: o Full Pass, que permite asistir a todas as actividades; o Party Pass, que inclúe a entrada ás tres festas de A Sede. Estas dúas conséguense a través da web de Swing On Vigo e inclúen a posibilidade de realizar a viaxe a Cíes, cun suplemento de 15 €. Tamén existe a opción de mercar os pases soltos a través de Entradium para as actividades que nos interesen.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.