REVISTA ABRIL

A escola viguesa do swing

Baterías, contrabaixos, guitarras, saxofóns, trompetas, unha feixe de instrumentos máis e… deixar que os pés se movan a ritmo de swing! Esta mestura de tempos rápidos nados nos anos vinte e trinta a carón das big bands do outro lado do océano, está a encher locais e rúas de Vigo con melodías evolucionadas do jazz. Diferentes colectivos están a organizar concertos, clases de baile, xuntanzas para bailar a pé de rúa… unha chea de eventos que cada vez teñen máis seguimento na nosa cidade. E é que o swing jazz non deixa a ninguén indiferente. Cunhas pequenas nocións de técnica, o resto consiste en deixar voar a imaxinación ao son da música, improvisando o baile e os movementos.

En Vigo pódense atopar espazos de aprendizaxe de swing, como a escola de baile Mayeuswing, na rúa do Areal, e a escola Swing On, n’O Almacén Cultural da avenida de Ramón Nieto e na Artística da rúa de Barcelona. Cada vez máis colectivos se xuntan para compartir coñecementos e darlle ao baile en torno a este disciplina, como desde hai uns meses fai Balboa Swing, na rúa do Ecuador. Os diferentes estilos abranguidos no swing que se poden aprender actualmente na urbe van, desde o sonado lindy hop, ata o dinámico balboa, pasando polos pinchos do collegiate shag ou polas bailas individuais de claqué, swing solo ou vintage jazz.

Elena Branco e mais Jorge Patiño están á fronte d’O Almacén Cultural. Chegaron a Vigo hai seis anos. Daquela, non había aulas nin auxe deste baile na cidade. Elena conta que todo comezou cando vivían na cidade do Porto e certo día ollaron un anuncio de clases de swing: «Fomos e encantounos para sempre».

«Ao primeiro eramos pouca xente, e quedabamos para bailar na rúa unhas dez persoas», recorda Elena. «Pero a base de organizar eventos de swing, a xente foi coñecendo esta cultura». Hoxe en día adoitan ser sesenta ou oitenta participantes nos clandestinos, que son as quedadas para bailar na rúa. A reacción da xente cando é de sorpresa cando bate de fronte cun clandestino. Comenta Elena que «hai maiores que se emocionan ao recordar a música da súa xuventude e hai quen tamén se une a bailar». Para ela, este estilo implica «escoitar música desde outra perspectiva, non de xeito estático como a adoitamos oír, senón reaccionando co corpo e experimentando co ritmo».

A escola Swing On tamén emprega o baile para transformar a sociedade e derrubar os roles: «No swing fanse bailes en parella; está o papel de líder, que tradicionalmente é para o home e o de seguidora, tradicionalmente é para a muller; pero nosoutros queremos mudar isto e a quen un día fai de líder regalámoslle unha clase para aprenda a ser seguidor, e viceversa».

Clandestinos no verán e dominicais no inverno

Pouco despois da chegada de Elena e Jorge coa escola Swing On, viñeron Sergi Descayre e Lucía Estévez. Formáronse no baile durante anos en Barcelona e desde hai uns tempo imparten aulas na escola de baile Mayeuswing. Ademais, organizan cada xoves música en directo e festa, co alumnado superior de jazz de Mayeusis. No verán organizan os anteditos clandestinos, aproveitando o bo tempo para bailar e facer eventos na rúa. E, namentres o tempo non acompaña, Mayeuswing organiza unha vez ao mes, no mercado do Berbés, o domingo de swing, que é un encontro en sesión vermú que inclúe clases de baile e concerto ao vivo.

[Este artigo está publicado na revista A Movida de xaneiro de 2019. Podes consultala na versión dixital. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]

REVISTA ABRIL

Actualización 2021

Este mes de xaneiro volven as xornadas de portas abertas ao Swing On School no Almacén Cultural, con clases de shah o martes 12 ás 18:30, de Lindy Hop o mesmo día ás 21:15, de Solo Shag o mércores 13 ás 20:00 e de jazz roots o xoves 14 ás 21:15. É preciso inscribirse en  info@swingonvigo.com

Pola súa banda, Mayeuswing oferta clases de Swing Solo o luns 11 ás 20:15 e de claqué o xoves 14 á mesma hora. Para inscribirse cómpre cubrir o seguinte formulario.

The following two tabs change content below.

Alberte Mera

Coa paixón na comunicación, o audiovisual e o deseño, Alberte Mera é consultor de comunicación en Vigo, cidade onde naceu no 87. Despois de licenciarse pola UVigo en Comunicación Audiovisual, ampliou a formación co Máster en Comunicación e Industrias Creativas e co certificado de profesionalidade de Márketing e Comunicación. Ten dirixido varias longametraxes documentais e colabora na organización de iniciativas sociais e culturais.

Últimos posts de Alberte Mera (ver todos)