Suitman: pon o traxe!
Se algo aprendemos do sobranceiro Barney Stinson, personaxe da serie How I Met Your Mother, é a importancia de vestir un bo traxe. Razón de máis, se o imos levar o día do noso propio casamento. Suitman é o nome tras o que se agocha Fernando González, o encargado de vestirnos adecuadamente para a ocasión.
Fernando González non pasa desapercibido. Nin o seu local, nin os seus traxes nin el mesmo. É directo e ten as ideas moi claras. Ligado desde pequeno ao mundo textil, sempre foi un apaixoado dos traxes. Aprendeu patronaxe, programación e deseño, todo isto a nivel industrial, onde comezou a traballar sendo un adolescente. Hai 15 anos decidiu cambiar o rumbo da súa traxectoria cara un mundo máis artesanal, o da xastrería. Así nace Suitman, primeiro en Moaña dunha maneira máis desenfadada e xa desde hai tempo en Vigo, en plena rúa do Príncipe, totalmente profesionalizado e cun equipo detrás.
Fernando destaca a súa particular maneira de traballar, moi pouco habitual neste eido: “O meu estilo é moi agresivo e atrevido, pero sempre dentro duns parámetros de clasicismo. A liña que separa a elegancia da vulgaridade é moi fina; hai moita xente que pasa da raia e eu por aí non me meto”, explica o xastre. Lembra tamén que cando contratou ás súas primeiras empregadas non entendían o seu xeito de crear, polo que tivo que orientantalas no estilo Suitman. “Eu creo que non hai ninguén en Galicia que faga o que nós facemos; que sexan quen de levar o traxe ao límite como nós”, asegura con firmeza.
Resalta a relevancia dun bo asesoramento, parte esencial á hora de escoller o traxe ideal para cada persoa: “Son incapaz de vender algo que non vai co meu estilo”, afirma. Esta estratexia empresarial tan directa, lonxe de escorrentar á clientela, fai que cada ano teña máis pretendentes, tanto en Vigo como na Coruña, Madrid ou Portugal. Segundo el, o segredo para un bo traxe reside no vendedor, en ofrecer o que cada persoa demanda: “Nos comercios véndenche o que eles queren vender; eu véndoche ou que necesitas”, declara con seguridade.
“É unha odisea, non hai dous exemplos iguais”. Así sintetiza o proceso de crear un traxe a medida para cada cliente, que tantas alegrías (e algunha que outra tristura) lle causan a diario. Estas pezas caracterízanse pola súa singularidade e por ser moi entalladas, con tiro de pantalón baixo e co corte por enriba do nocello. “Quero que o meu traxe se recoñeza pola rúa, pero nunca que vaian facendo o ridículo”, delimita Fernando. Máis aló das vodas, para os apaixoados destas prendas Suitman ofrece unha tarifa plana de 79€ ao mes que inclúe ata cinco traxes a medida ao ano, para recuperar esa elegancia perdida e ao gentleman de cidade de antano.
Suitman | Rúa do Príncipe, 48, 1.º | 639 20 35 17 | @suitmanbespokevigo
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Editorial Galaxia: 75 anos creando porvir para a literatura e a cultura galega - 13 Maio, 2025
- Sementar e recoller tradición - 1 Maio, 2025
- Fernando Castro Paredes gaña o Premio Galaxia de Novela 75 Anos coa súa obra ‘O lanzador de coitelos’ - 23 Abril, 2025
- Galerías Fetén, moda singular no corazón da cidade - 9 Abril, 2025
- Veciñanzas: As Travesas - 25 Marzo, 2025