VIALIA
PLAYDOC

Depedro: “Intento non quitarme nunca o traxe de aprendiz”

Tras máis de media vida dedicándose a música, Jairo Zavala asegura que aínda lle queda moito por aprender, porque é precisamente esa curiosidade a que fai que xurdan proxectos novos. Este xoves actúa na sala Sinatra dentro do ciclo Escenarios Mahou para presentar Todo va a salir bien, un disco no que volve interpretar algúns dos seus temas máis icónicos acompañado de grandes artistas como Santiago Auserón, Luz Casal, Vetusta Morla ou Izal. Artistas dos que aprendeu.

Polo título do teu disco, Todo va a salir bien, entendo que es un optimista.

Creo na esperanza máis que ser optimista. Son moi realista e como realista, doume de conta de que non só vender miseria serve.

Levas gañándote a vida coa música desde os 19 anos, en que momento decidiches que querías ser músico?

Non foi unha decisión dun día para outro. Como todo na miña vida foi un movemento moi lento, paulatino. Gustábame moito a música, era parte do meu entorno familiar e me convertín case sen querer e sen darme conta no que son hoxe.

O feito de que xa desde tan novo te puideses manter coa música supoño que non é cuestión só de sorte.

Unha cousa é ser artista, pero dentro da música pódense facer moitas outras cousas, como acompañar a outros artistas, dar clase, compoñer para outros… e a iso me refiro ao dicir que vivo desde entón da música.

Ser artista é máis complicado?

O que facemos é un oficio como calquera outro ao que lle tes que dedicar moito esforzo e dedicación para sentirte realizado. Por suposto hai un factor sorte, pero tes que traballar moitísimo.

Es de Aluche, tes raíces peruanas, estás ligado a Arizona… considéraste un cidadán do mundo?

As fronteiras son algo creado polos homes que viven no mundo. Vivo en Madrid, teño a miña familia aquí e desde aquí entendo o mundo e conto as cousas. Pero si, quero crerme un cidadán do mundo.

A través da túa música nótase a confluencia de diferentes culturas, é resultado das túas experiencias e viaxes?

Son permeable aos sons da xente da que aprendo. Intento non quitarme nunca o traxe de aprendiz. E unha maneira de crecer e de facer cousas diferentes.

Que artistas te teñen influído máis?

Todos os artistas que colaboran no meu último disco son referentes meus. Imprescindibles para que Depedro exista, comezando por Santiago Auserón.

O son de Calexico está moi presente nalgúns dos teus temas.

Son moi debedor deles e téñenme ensinado moitísimo. Son uns amigos moi xenerosos que me teñen aberto moitas portas mentais e ao principio foron eles quen me dixeron que tiña a capacidade para facer algo propio.

Como seleccionaches os temas que forman parte de Todo va a salir bien?

Parte da propia selección dos colaboradores. E están os tres temas inéditos porque gústame que as obras se completen con algo novo, algo que poda darme pistas sobre a onde mirar no futuro e intentei sacar o máis representativo do son de Depedro.

As colaboracións cos outros artistas como xurdiron?

REVISTA ABRIL

Todos son xente que me axudaron, referentes ou amigos que ao longo do camiño teñen estado aí. Viñeron a darlle luz nova ao proxecto.

Tes actuado en grandes salas e festivais pero tampouco é estraño verte en formatos pequenos como o deste xoves en Vigo, como te sentes máis cómodo?

Dáme igual. Eu sempre  gozo cando teño a oportunidade de tocar e adáptome as circunstancias. Agradecido de vivir ese momento no que hai xente disposta a empregar o seu tempo en escoitar a Depedro.

(GMT+01:00) Sinatra Coctel Bar

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.