REVISTA ABRIL

Coque Malla pon boa cara ao mal tempo

Aínda que o atardecer e as Cíes non se deixaron ver, Coque Malla subiuse de novo ao escenario do Mar de Vigo, esta vez na terraza, para darlle un pouco de cor a un serán tan gris. Acompañando a súa voz con guitarra acústica e teclado, o madrileño ofreceu un notable concerto a pesar do desapacible da climatoloxía. (Fotos: Paula Cermeño)

Xa eran moitos os concertos nos que o sol brillaba impoñente no ceo e se agochaba tras o mar deixando un fermoso solpor, pero onte aos asistentes ao concerto de Coque Malla tocoulles un ceo tapado e algo de poalla. Por otra banda, agás os sempiternos concertos homenaxe a Michael Jackson e Queen, penso que non hai artista que tocase máis veces neste Auditorio nos últimos tres anos ca el.

Pasadas as nove da noite comezou a soar a banda sonora do filme Misión Imposible, o que significa que daba comezo o espectáculo. Acompañado por David Lads ás teclas, que segundo Malla era “o único músico de verdade sobre o escenario”, comezou con temas como Solo queda música ou Un lazo rojo, un agujero, canción na que se atreveu a rapear a parte que no disco canta Kaseo O. Acto seguido tocoulle a quenda a unha das súas composicións máis fermosas, Berlín, que veu seguida de La carta, unha peculiar canción de palabra falada que podemos atopar no seu disco de 2011 Termonuclear.

O carácter acústico do recital cadraba á perfección coa situación actual da música en vivo, ou sexa, todos sentados sen posibilidade de moverse ou bailar. Malla interactuou con comicidade cos alí presentes ao longo da noite, con maior ou menor fortuna. O madrileño continuou cunha das súas cancións favoritas, El último hombre en la tierra, e despois coa banda sonora de Campeones, Este es el momento. Canción, por certo, coa que se atreveu co kazoo, un peculiar e divertido instrumento moi utilizado nas chirigotas dos entroidos gaditanos.

REVISTA ABRIL

Pasado o ecuador do concerto, foi o turno de Cachorro de león e a rockeira Guárdalo, un dos clásicos de Los Ronaldos. Neste intre aproveitou para contar que a primeira vez que a popular banda de mediados dos oitenta saíu de Madrid foi para tocar en Vigo, na extinta sala Ruralex. O recital proseguiu con El gran viaje a ninguna parte, do seu último disco ¿Revolución?, e con Una moneda, pegadiza melodía de 2010.

Hace tiempo e La señal puxeron punto e á parte ao concerto, xa que tras uns intres volveu ao escenario para pechar coa fermosa Calma. Con seguridade, a inmensa maioría dos alí presentes agardaban mínimo un tema máis, o famosísimo No puedo vivir sin ti de Los Ronaldos. Mas esta vez non puido ser. Como explicou na súa conta de Instagram: “Tiñamos Santo, Santo, No puedo vivir sin ti e Me dejó marchar na recámara pero optei por Calma porque gozo moito tocándoa. […] Lamento moito a amputación do repertorio pero xa sabedes que a auga e a electricidade non son boas compañeiras e o risco é alto“.

Isto podería levarnos a un interesante debate, quizais algo fóra de lugar agora mesmo, sobre o deber ou non que teñen os artistas co seu público e coas cancións “míticas”. En todo caso, Coque Malla vén demostrando na última década en solitario o seu talento como compositor, polo que non precisa vivir de rendas pasadas. Por certo, na rede social tamén prometeu volver novamente o ano que vén coa banda ao completo.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.