Antonio Orozco pon a súa voz para o proxecto Somos da Fundación Igualarte
O recoñecido músico Antonio Orozco estivo este martes pola mañá no Teatro Afundación rodando o videoclip de ‘Piel con piel’ , canción composta por unha das integrantes do Proxecto Somos, Eva García. O cantante catalán pon voz a esta iniciativa solidaria promovida pola Fundación Igualarte, escola artística para peronas con discapacidade ubicada en Vigo.
Antonio Orozco, un dos artistas de pop en castelán máis recoñecidos deste século, recoñeceu esta mañá na rolda de prensa que tivo lugar no Teatro Afundación que nunca vira unha iniciativa como esta, malia levar vinte anos colaborando con diferentes causas benéficas. Parafraseando a Antoine de Saint-Exupéry co seu “o esencial é invisible aos ollos”, o cantante resumía a importancia, tanto social como persoal, que tiña esta iniciativa de Igualarte.
A orixe desta inusual colaboración é o Proxecto Somos, onde os rapaces e rapazas de Igualarte compoñen cancións que despois interpretan o grupo Chungo Pastel. En anteriores edicións prestaron a súa voz diversos artistas locais, como Silvia Superestar, Wöyza, Dakidarría, Kaixo, Ganjahr Family, Xermán Bugallo, High Paw e Inerttes. Nesta ocasión, o encargado de “poñer voz e alma”, como asegurou a directora da Fundación Cristina Lago, é o músico de orixe sevillana. Desde que descubriu a existencia desta proposta, Orozco admitiu que quería participar si ou si. Ademais, comentou que nunca canta temas escritos por outras persoas, mais neste caso fixo unha excepción co texto de Eva García, que segundo el é “unha das cousas máis fermosas que lin en moito tempo”. Antonio e Eva puideron coñecerse en persoa antes de gravar o tema, encontro filmado que pode verse no vídeo de abaixo.
Orozco non estaba este martes pola mañá no Teatro Afundación solo para ofrecer declaracións en rolda de prensa, senón para filmar o videoclip de ‘Piel con piel’, realizado grazas á axencia publicitaria Publigal e á productora GF Studio. A rodaxe tamén terá lugar en exteriores e noutros espazos da cidade aínda por coñecer. O artista incidiu na “obriga moral de transmitir iniciativas como estas” e na importancia dos medios de comunicación e dos propios famosos á hora de facer chegar a información á sociedade. Lago, pola súa parte, afirmou que a presenza de Orozco era “unha recompensa a todo o traballo da asociación e dos rapaces”, e expresou o seu desexo de lograr continuidade para o Proxecto Somos. Un proxecto que busca acadar a inclusión de persoas con dicapacidade a través da arte, neste caso da música.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024