CAMELIAS MASCOTAS

Sopran aires de cambio na música tradicional

Nos últimos anos estase a falar moito sobre a renovación dun estilo con tanta historia como o flamenco, grazas a discos de artistas de primeiro nivel como Rosalía ou C Tangana. Aínda que con menos sona nos medios e na sociedade, en Galicia está a acontecer algo similar coa nosa música tradicional, que está sendo manipulada de maneiras sorprendentes e frescas por unha gran cantidade de músicos. Coñezamos a algúns deles.

Fotografía da rodaxe do videoclip de ‘Veleno’, de Baiuca | Aldara Pagán

BAIUCA

Posiblemente a figura máis recoñecida deste movemento renovador. Alejandro Guillén, máis coñecido como Baiuca, logrou moitas cousas nos últimos anos, entre elas que milleiros de persoas de fóra de Galicia bailen con muiñeiras, pandeiretas e cunchas. Esta mestura única entre folclore e electrónica non deixa de gañar adeptos, demostrando que esta corrente chegou para ficar. Con motivo do lanzamento do seu segundo traballo, Embruxo, desprazámonos a Santiago para falar con el.

LAURA LAMONTAGNE & PICOAMPERIO

Continuando coa mestura entre electrónica e tradición, Laura e Pedro van máis aló e engaden cadencias hip hop e R&B a cantigas de amigo galaico-portuguesas, entre outros poemarios. Tamén falamos con eles con motivo do ambicioso concerto que realizarán este domingo no Mar de Vigo na véspera do Día das Letras, organizado polo Consello da Cultura Galega.

AILÁ

A banda compostelá, fraguada nas noites de foliada na Casa das Crechas e representante de Galicia no Festival Celtic Connection 2020, publica nesta primavera un álbum homónimo que propón achegar ao público unha óptica moderna da tradición oral galega acompañada de sonoridades festivas e actuais. Este venres 28 de maio terá lugar o concerto de presentación do disco no Auditorio Municipal de Cangas.

TRILITRATE

Este 14 de maio publícase o terceiro disco do cuarteto galego: Está de Grelo. A banda constituída por violín, acordeón, guitarra clásica e unha artista visual interpreta un repertorio completamente orixinal que combina folk, jazz, música clásica, contemporánea, improvisación libre. O álbum encerra xenuínas odiseas musicais, que atravesan o folclore otomán, o celta, o romanés ou o africano, epopeas que nos levan a unha metamorfose da música barroca ou do impresionismo.

TANXUGUEIRAS

Este mes publicaron a súa nova canción, ‘Telo’, tema creado polas cantareiras como banda sonora do proxecto Films from Galicia. Tamén confirmaron a súa participación nesta nova edición do Festival TerraCeo, aínda que a data está sen confirmar polo momento.

ANDREA POUSA

A artista tomiñesa Andrea Pousa publica o seu segundo álbum, Retorno, no que fusiona o folclore galego e o portugués con sonoridades pop, latinas e electrónicas. Once temas, máis un de agasallo, conforman o novo disco, no que a artista arraina se mergulla nas augas do Miño para cantar sobre a vida, o amor ou o respecto en tres linguas: galego, portugués e castelán.

REVISTA NOVEMBRO

MOURA

Folk, mitoloxía galaica e stoner mestúranse nesta banda coruñesa que veñen de presentar o tema ‘Muiñeira da Maruxaina’ , extraído da caixa compilatoria ‘Grados. Minutos. Segundos.’, de Spinda Records. Na canción tamén colaboran Antonio Prado e Belém Tajes, quen no pasado formara parte da banda Vudú.

XISCO FEIJÓO

O cantante, bailador e coordinador da sección de canto da Orquestra SonDeSeu presentou este mes o seu tema ‘Animal’. Unha mostra da esencia máis fonda da música tradicional, vista dende unha mirada contemporánea e interpretada desde a modernidade e cunha visión do século XXI.

BATEA

Esta banda de folk rock nada no 2020 vén de publicar o seu álbum debut Tampoco somos los Rolling. Por tempo limitado poderás mercar este traballo en formato físico a modo de memoria USB con forma de mexillón envasado nunha lata de conserva. Guitarras distorsionadas mesturadas con gaita, frauta e violín son a seu sinal de identidade. Actuarán o 29 de xuño ás 20:30 no Festival TerraCeo, na terraza do Mar de Vigo.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.