Baiona programa música nas prazas este outono
O Concello de Baiona, xunto coa Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona , organiza por quinto ano consecutivo o Sons do Casco, unha programación musical de 16 grupos galegos qe actuarán en escenarios ao aire libre no casco urbano da vila entre o 16 e o 18 de outubro.
Co obxectivo fundamental de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de lecer baionesa, este roteiro musical que terá lugar o 16, 17 e 18 de outubro promete unha fin de semana repleta de música en directo na que participarán un total de 16 grupos musicais con diferentes estilos como o jazz, blues, funk, flamenco, DJ, rock, pop, etc. As actuacións celebraranse en cinco escenarios distintos situados na Praza do Concello, a Praza de Santa Liberata, a Alameda Carabela Pinta, na intersección da rúa Carabela Pinta e a Rúa Ciudad de Vigo e no parque da Palma. Uns escenarios alternativos aos de anteriores edicións debido ás medidas de seguridade que hai que seguir pola crise sanitaria do COVID-19.
Durante tres días a música dará comezo ás 12h e se prolongará ata as 23h, alternándose nos cinco escenarios polos que pasarán ata 16 bandas de Baiona e Galicia: The hurt fingers trío, Broke acoustic covers, Beathos, Pacheco Bros, La patrulla, Los del barro, Adrian Timms, The Mirror, Desconcerto, Groovin Folks, The Manueles, Orquestra Pantasma, Valentín Dacova, Javi Pacheco, Swing du monde e The Goonies.