VEGANA

Vigocultura programa 19 espectáculos este outono

A programación municipal de artes escénicas Vigocultura bota a andar unha nova edición que inclúe 19 espectáculos de diversas disciplinas, desenvolvidos en 29 funcións . Vigocultura comeza o 23 de setembro e exténdese ata a última fin de semana de novembro con representacións no Auditorio Municipal, a rúa do Príncipe e a Praza do Rei.

O programa municipal de artes escénicas, que ten como sede principal o Auditorio Municipal acaba de dar a coñecer o seu programa de outono, logo de congregar a máis de 10.000 persoas na pasada edición de primavera. Como é habitual, a programación está dirixida a todos os públicos con propostas de teatro, danza, circo, maxia e espectáculos para bebés. Nesta edición haberá 3 estreas mundiais e 2 estreas en Galicia, coa participación de 4 compañías viguesas, 2 portuguesas, 18 do resto de Galicia e 5 de fóra.

A principal novidade desta edición é a celebración dun espectáculo de danza ao aire libre na Praza do Rei: Technocracia da compañía Funboa Escénica, o venres 21 de outubro ás 20 horas. Ao aire libre tamén, será o primeiro espectáculo, o venres 23 de setembro, na rúa do Príncipe coa representación de O estraño caso do dentista da rúa Brasov, da compañía viguesa Troula.

A venda de entradas comeza este mércores, 9 de setembro, a través da web Giglon e a Librería Librouro e tamén poden adquirirse o día do espectáculo no despacho de billetes do Auditorio. Os prezos oscilan entre os 8 e os 12 euros para adultos e 5 euros para o público familiar. Ademais hai abonos para 5 e 10 espectáculos cun 10 e 25% de desconto respectivamente.

A programación completa está composta por oito espectáculos de teatro, un de danza, un de maxia, un de música para bebés e nove propostas para público familiar, entre as que se encadran varias disciplinas. Preme nas frechas para ver as actuacións por meses e en cada espectáculo para ler a sinopse e todos os detalles:

REVISTA OUTUBRO