REVISTA ABRIL

Adrian Timms solidarízase cos locais pechados no seu último vídeo

O músico británico afincado en Vigo vén de sacar un vídeo en directo no que interpreta a súa canción Dead Lines fronte algunhas salas de concertos pechadas. Unha iniciativa levada a cabo para visibilizar o sufrimento de todas as persoas que traballan no mundo da cultura e do espectáculo.

Nos últimos anos Adrian Timms volveuse un habitual da escena local, a pesar de ter nacido en Swindon, unha cidade duns 150.000 habitantes situada no sur de Inglaterra. Xa sexa tocando na rúa, nun local, nun chiringuito ou nas Festas de Vigo co seu grupo The Banded, Timms estase a facer notar na súa nova cidade.

REVISTA ABRIL

O seu sentimento de pertenza é tal que non quere deixar pasar por alto a tráxica situación que están a vivir as salas de concertos, e no seu último vídeo o podemos ver tocando en directo diante de The Village, El Contrabajo, La Fábrica de Chocolate e Island. Outros locais, como a Kominsky, La Iguana, Radar Estudios, Sinatra, El Gato de Schrodinger ou La Casa de Arriba tamén aparecen representados. Dead Lines, o título da canción, é unha mensaxe de axuda e de cohesión humana, idónea nestes tempos que corren. Ademais, é a versión acústica do que será o primeiro single do seu novo disco, Part Won, que verá a luz nas próximas semanas grazas a unha campaña de crowdfunding. Proximamente poderá realizarse a reserva na súa páxina web, polo que se estás interesado podes seguir todas as novidades nas súas redes sociais.

O vídeo, realizado por Alba Escudero e o propio Adrian, está máis de actualidade que nunca, xa que esta semana coñeciamos que un dos locais que aparecen de fondo, e no que el ten tocado unhas cantas veces, El Contrabajo, anunciaba que pechaba as súas portas de maneira permanente. A súa camiseta vermella representa á perfección o estado de alarma cultural que se está a vivir na actualidade.

A continuación podedes ver a #SesiónAM que lle fixemos hai case un ano, antes do concerto presentación do seu primeiro disco: