CAMELIAS MASCOTAS

Plans á Redonda: o espazo de Tía Estébana

Desprazámosnos ata Redondela, para descubrir as bondades do concello veciño, achegándonos ata a súa historia, praia e monte e, por suposto, descubrindo o mellor da súa gastronomía na tenda gourmet Tía Estébana. Este recuncho do bo comer está situado no centro do Casco Vello e destaca pola calidade dos seus almorzos, menús e brunch e as diferentes actividades que ofrece ao seu público para aprender e pasalo ben na cociña.

Cada cidade, cada concello, cada vila, ten un recuncho entre as súas rúas que destaca cheo de encanto. No caso de Redondela, estamos a falar do local Tía Estébana, situado nunha zona peatonal do Casco Vello, preto da Igrexa de Santiago de Redondela e a Casa da Torre. Esta tenda gourment ofrece os mellores produtos seleccionados con agarimo por Fara I. Miguez e Xan Ballesteros, os donos deste negocio cun pasado familiar.

O proxecto comeza a partir de Estébana Ventura Felipa Mos Figueroa, unha muller chea de carácter e amor pola cociña. A pesar de nacer en 1855, a familia continúa mantendo a súa memoria cun “pódesmo poñer para levarlle á miña tía Estébana, que está na casa e non puido vir comer?” á saída dos restaurantes. Tanto é así, que a día de hoxe é a protagonista deste local.

Tía Estébana conta cunha gran variedade de produtos adaptada a todos os petos, con marcas galegas, nacionais e mesmo internacionais. Leva desde xullo do 2018 crecendo e especializándose en queixos e viños e ofrecendo un servizo de almorzo, brunch e take away que destaca pola súa calidade. A pesar de que antes da pandemia o local contara cun aforo de ata doce persoas no interior do local, na actualidade o espazo de almorzo converteuse nun pequeno e íntimo recanto para catro persoas no que poder saborear café, embutido e pan quentiño. Unha segunda opción é a terraza e o cómodo servizo de take away.

A tenda tamén pon a disposición do público tarxetas de bono regalo que permiten agasallar aos amigos e seres queridos un almorzo ou brunch con gustosos produtos. Desde a súa páxina web é posible reservar con antelación ás mesas para un almorzo ou merenda en grupo.

Ademais da despensa con legumes, conservas e viños, a tenda ofrece un espazo gastronómico cheo de actividades con catas, cursos de cociña tradicional e moderna e variados talleres de repostería creativa e alimentación saudábel. Obradoiros para todos os públicos onde poder divertirse e aprender preto da cociña.

Unha parada obrigatoria para a próxima viaxe a Redondela onde sentirse coma na casa. Un espazo tranquilo, acolledor e feito con moito amor para o público. A avoa Estébana agárdavos!

Contacto:

Reveriano Soutullo, 16 bajo
36800 Redondela (Pontevedra)
tiaestebana.com

@tiaestebana

Redondela, terra rotunda

Para coñecer máis sobre esta vila pesqueira, visitamos o Museo Meirande, que pon en valor a Batalla de Rande de 1702 e o patrimonio industrial e naval. Con entrada de balde e servizo de visita guiada baixo reserva previa, este museo posúe maquetas dos barcos da época, réplicas de canóns e do interior dun galeón, uniformes de mariños, proxección dunha película animada, así como actividades interactivas para os máis pequenos.

Achegámonos á praia de Cesantes, con dous quilómetros de lonxitude e varios bares e chiringuitos onde botar un grolo e degustar a gastronomía da zona. Desde o paseo de madeira temos unha boa panorámica da illa de San Simón e, se hai vento, podemos gozar do espectáculo dos papaventos de kitesurfing aboiando cara ao ceo.

Rematamos o día polo alto desde o Monte da Peneda, situado a 330 metros de altura. Un atardecer espectacular con vistas á ría de Vigo e unha sobreira centenaria son o colofón deste fermoso accidente xeográfico. Para os máis aventureiros, o monte recolle un túnel que atravesa a montaña e que se vai estreitando a medida que nos adentramos nel; tamén unha capela dedicada á Virxe das Neves. Os dous espazos están rodeados de lendas e maxia.

REVISTA NOVEMBRO

Datos de interese:

14 quilómetros; 12 minutos en tren, 17 minutos (con peaxe), 22 minutos en coche (sen peaxe).

O concello de Redondela sitúase na marxe sur da Ría de Vigo, xusto diante da enseada de San Simón, unha vila pesqueira marcada por dous grandes viadutos ferroviarios e un amplo patrimonio arqueolóxico no Monte Penide.