REVISTA ABRIL

Bamboo Art Studio, un novo espazo de ilustración e deseño en Vigo

Nun local que no pasado foi tenda de gominolas e despois se vendía roupa agora atopamos Bamboo, un estudio de arte e coworking rexentado por Miguel Ángel Rodríguez, coñecido no mundo profesional como El Compostelo. Alí ofértanse diferentes cursos de varios meses: debuxo, ilustración dixital, acuarela, lettering, cómic infantil, Photoshop para redes sociais… Adentrémonos nesta bambusería creativa para coñecer a fondo o que alí se cociña.

Unha das cousas que máis facemos cando somos nenos e que coa idade imos deixando de lado é debuxar e pintar. Unha mágoa, pois resulta unha actividade do máis divertida e relaxante que nos axuda a desenvolver a nosa creatividade. Se buscas aprender, mellorar ou retomar esta disciplina, Bamboo Art Studio é o lugar que buscas. Miguel Ángel Rodríguez, coñecido artisticamente como El Compostelo (@elcompostelo), abriu este estudio hai escasas semanas onde el mesmo ou algún outro profesional na materia realizan cursos de varios meses: debuxo, ilustración dixital, acuarela, lettering, cómic infantil, Photoshop para redes sociais…

Venezolano de pais galegos e enxeñeiro de profesión, Miguel Ángel mudouse a España para estudar ilustración, a súa verdadeira paixón. Bamboo aglutina toda esta experiencia profesional nun só espazo sustentado en tres piares: estudio de ilustración e deseño, coworking artístico e taller para realizar os distintos obradoiros. O artista incide moito na importancia de realizar cursos de certa duración, ben estructurados nos que o alumnado note a melloría cada semana. “A miña idea é que Bamboo se convirta nun punto de encontro para artistas da cidade, especialmente ilustradores e deseñadores por cuestións de espazo. Un espazo aberto á cidadanía que impulse o músculo cultural de Vigo” explica El Compostelo.

REVISTA ABRIL

Esta semana vén de anunciar os dous primeiros cursos da tempada: o de ilustración, de 3 meses de duración e impartido por el mesmo; e o de lettering, de 2 meses e guiado por María Amparo (@mariamlove_lettering). Estes serán os primeiros dos moitos que virán nos seguintes meses (cómic infantil, acuarela, After Effects…). No de ilustración, por exemplo, introducirémonos en diferentes técnicas como lápices de cores, rotuladores, acuarelas, tinta, texturas, anatomía básica, perspectivas… con todos os materiais incluídos. A matrícula xa está aberta.

“Gústame que os cursos teñan unha estructura e un temario, paréceme moito máis profesional” comenta o ilustrador, que ten pensado expedir certificados ao rematar conforme ao número de horas cursadas. Engade tamén que non entende aos profesionais que nos cursos se gardan trucos ou técnicas para eles por medo a que o alumnado os supere, algo que na súa opinión demostra moita inseguridade e egoísmo. Entre os seus plans de futuro ten pensado organizar quedadas máis aló dos cursos para debuxar na rúa ou no parque, “como fan en Canadá no metro”.

Bamboo Art Studio & Coworking | Rúa do Paraguai, 12 | miguelangel@bambooartstudio.com | 654018785 | FB: Bamboo Art Studio & Coworking | IG: @bamboostudio_vigo

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.