REVISTA ABRIL

‘Dentro e fóra’ móstranos a representación do espazo na pintura galega

A semana pasada inaugurouse na Pinacoteca Fernández del Riego a exposición Dentro e fóra. Un achegamento á representación do espazo na plástica galega contemporánea, unha das mostras máis interesantes desta tempada. Comisariada por Miriam Cortés e Patricia Cupeiro, este conxunto temático realiza un percorrido pola pintura galega moderna e a súa maneira de plasmar os espazos e a arquitectura nas artes plásticas. Estará ata o 24 de outubro. Fotos: P. Vázquez

A través da importante colección do Museo Quiñones de León, as comisarias Miriam Cortés e Patricia Cupeiro realizaron esta ampla selección ao longo de máis dun ano para que “a cidadanía sexa consicente do que ten”. Insisten, tamén, no feito de que se trata dunha exposición temática. É dicir, máis aló dos nomes propios que poidamos atopar (artistas do nivel de Castelao, Colmeiro, Seoane, Maside ou Lugrís), a verdadeira protagonista da mostra é a maneira que teñen todos estes artistas, coñecidos ou non, de plasmar os espazos nas súas obras.

REVISTA ABRIL

Polo tanto, asistimos a un conxunto de obras variadísimas, de diferentes autores, épocas, estilos e técnicas. Fotografías iluminadas ao lado de óleos, acuarelas preto de grabados, acrílicos cara a cara con debuxos a lapis . Todas aportan un amplo retrato, documental e artístico, sobre o ollar dos nosos autores aos diferentes espazos, paisaxes, edificios ou estancias. Poderemos atopar tanto autores galegos representando lugares do estranxeiro (Brasil, Italia ou Alemaña) como algún autor de fóra de Galicia plasmando o noso país. Resulta interesante ver as diferentes representacións dun mesmo espazo, como ocorre co barrio vigués do Berbés, retratado de maneiras moi dispares por Evaristo Casariego, Juan Martínez, Benigno Pereira, Luis Torras ou María A. Dans Boado. Seguindo no ámbito local, atopamos varios pintores olívicos: Ángel Sevillano, Santiago Montes, José Frau, Benigno Pereira ou Jesús Otero.

Esta última é unha das poucas mulleres que poderemos atopar na exposición. Non por vontade das comisarias, senón “porque non había máis”. Ademais dela, temos a Mª Victoria de la Fuente ou a Julia Minguillón, a encargada de abrir a visita cun retrato de Francisco Fernanández del Riego. Esta primeira chiscadela, que demostra que a escolla e localización dos cadros non é azarosa, será un leit motiv ao longo dos corredores: cada obra se relaciona, dunha maneira ou doutra, coas que están ao lado ou á fronte. Arcos, soportais, escaleiras, torres, auga, pontes, fiestras… todos os elementos van guiado o noso andar polas diferentes estancias.

Dentro e fóra, como o seu nome indica, divídise en dous grandes espazos, que á súa vez están subdivididos en tres partes. Abaixo atopamos os exteriores, agrupados de máis concretos a máis amplos: Elementos, Recunchos e Vedute. O primeiro andar está dedicado aos interiores, repartifos nas estancias Dinámicas Internas (I e II), Recunchos do Fogar, e Relatos do Íntimo e Diálogos Abertos.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.